Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Carballo lembra a Xesús San Luís Romero cando se cumpren 100 anos da estrea da súa obra teatral “O Fidalgo”

A Asociación Cultural Lumieira e o Concello organizan para o sábado 1 de decembro un acto de homenaxe na rúa onde naceu, fai 146 anos, o poeta zapateiro

Xoves 29 de novembro do 2018

Casa natal de Xesús San Luís Romero, na rúa da Saúde

Casa natal de Xesús San Luís Romero, na rúa da Saúde

Neste ano no que conmemoramos o centenario da estrea de O Fidalgo, a obra teatral máis representativa de Xesús San Luís Romero, a Asociación Cultural Lumeira e o Concello de Carballo queren render homenaxe a unha figura clave da dramaturxia galega. Deste xeito, o vindeiro sábado, 1 de decembro, celebrarase un acto de recoñecemento e lembranza na rúa da Saúde, xunto á casa na que naceu o poeta zapateiro fai 146 anos. O alumnado do colexio que leva o seu nome e familiares de Xesús San Luís Romero serán os convidados de honra a un evento aberto a toda a cidadanía.

O acto comezará ás 12.00 horas. O historiador e cronista local Xan Fraga Rodríguez fará un breve percorrido pola vida e a obra do ilustre autor carballés, e na súa casa natal descubrirase unha placa que manterá viva a súa memoria para sempre.

Xesús San Luís Romero, o menor de seis irmáns, naceu en Carballo o 9 de setembro de 1872 e finou en Compostela o 23 de setembro de 1966. O Fidalgo é unha peza fundamental da súa abundante creación literaria e unha obra clave para entender a realidade da época, xa que, utilizando a historia dun mozo bergantiñán que loita contra o poder dos caciques na nosa comarca, narra un dos episodios máis significativos da historia galega: a loita agraria.

A estrea absoluta de O Fidalgo tivo lugar o 17 de xaneiro de 1918 en Santiago de Compostela, pero da obra de Xesús San Luís Romero realizáronse máis de 200 representacións en vida do autor, algunhas delas en América.

Compartir: