Sete orixinais propostas optan este ano aos premios do tradicional Concurso de Cachelas de Carballo
A Asociación Cultural San Xoán repartirá 1.450 euros en premios, á parte das gratificacións a todos os participantes que cumpran uns requisitos mínimos
Sábado 22 de xuño do 2019
![Cachela en Vivente (Ardaña) Cachela en Vivente (Ardaña)](../media/img/vivente_800x460.jpg)
Cachela en Vivente (Ardaña)
Mañá é o gran día, o día das cachelas, das sardiñas e das meigas. E, como é habitual dende hai 32 anos, a Asociación Cultural San Xoán celebra o seu Concurso de Cachelas, un certame que ten como finalidade potenciar unha tradición popular e unha das manifestacións culturais máis importantes das nosas festas. Este ano hai menos concursantes pero a competencia será especialmente dura, porque as sete propostas inscritas destacan pola súa orixinalidade e calidade, como podedes comprobar nestas imaxes do sábado 22, día de moito traballo para os/as participantes.
![Cachela na rúa Río Anllóns Cachela na rúa Río Anllóns](../media/img/rio_anllons_800x460.jpg)
Cachela na rúa Río Anllóns
Os maiores da residencia DomusVi, que nunca fallan, participan este ano coa cachela “Habelas hailas”. Na rúa Río Anllóns, no mesmo emprazamento da cachela gañadora o ano pasado, nesta ocasión sitúase “Tranquilo Quasimodo”. Tamén son habituais os/as participantes que nos presentan “Air Chopos”, na rúa Chopos; “Carrusel”, en Carré Aldao; “Coche clásico carballés”, no Sisto, ou “O faro da rúa Buxos”, nesa mesma rúa. Ademais, este ano o concurso chega á parroquia de Ardaña, con “Es por tu bien”, unha composición que xa chama a atención dende hai días no lugar de Vivente. Podedes consultar os emprazamentos concretos no documento axunto, por se vos apetece facer a Ruta das Cachelas antes de que as queimen.
Normas de participación
Segundo as normas establecidas pola organización, as cachelas situaranse onde non supoñan ningún perigo para o contorno, a unha distancia prudencial, segundo o volume da cachela, de edificios, coches, tubaxes de gas, mobiliario urbano e nunca debaixo de liñas eléctricas, nin próximas a biomasa, árbores ou outras zonas inflamables. Nas proximidades deberá dispoñerse de extintores, mangueira, cubos de auga ou outros medios para o control do lume. Os integrantes do grupo son responsables do cumprimento das normas de seguridade precisas.
![Cachela na rúa Carré Aldao Cachela na rúa Carré Aldao](../media/img/carre_aldao_350x360.jpg)
Cachela na rúa Carré Aldao
Ademais, non poden estar elaboradas con materiais plásticos, botes de spray, pneumáticos, gomaespuma, artificios pirotécnicos e en xeral calquera produto inflamable, explosivo ou materiais onde interveña o plástico, nin tampouco se poderán utilizar árbores autóctonas, como carballo, acevo, loureiro, castiñeiro...
Premios
En canto aos premios, establécense catro: 600 euros para a primeira, xunto cun trofeo doado por Sargadelos Galería de Carballo; 300€ para a segunda, 200€ para a terceira e 150€ para a cuarta. O xurado, integrado por membros da comisión de festas e colaboradores, poderá tamén outorgar accésits por valor de 200 euros. Así mesmo, todas as cachelas inscritas que non resulten premiadas e que reúnan uns requisitos mínimos recibirán gratificacións de entre 20 e 50 euros. O xurado empezará o seu percorrido ás 19.00 horas.