Carmen Maura, a Companhia do Chapitô, Jauría e o teatro galego, pratos fortes da 28ª edición do FIOT
A presentación do programa no Pazo da Cultura provocou moitísima expectación
Mércores 11 de setembro do 2019
_800X460.jpg)
Jacobo Sutil, Alberto Sueiro, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Luciano Calvo
Este outono Carballo convértese, un ano máis, na capital galega das artes escénicas. O 28º Festival Internacional Outono de Teatro regresa entre o 27 de setembro e o 1 de novembro cun cartel extenso e diverso, que concentra 38 espectáculos, dos cales 9 son estreas absolutas e 8 estreas no país, coas propostas máis interesantes da carteleira teatral actual, e no que teñen cabida tanto creadores de renome coma novas xeracións de artistas. Carmen Maura, Teatro Kamikaze, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Tito Asorey, Carolina Román, Álvaro Tato ou a Companhia do Chapitô formarán parte dunha edición que achegará ao público, de novo, o máis relevante da escena galega e estatal contemporánea, ademais de propostas internacionais chegadas de Portugal e Israel.
A actriz Patricia de Lorenzo, de Chévere, recibirá o galardón Xograresa de Outono como recoñecemento á súa destacada contribución ao desenvolvemento do teatro galego.
_800X460.jpg)
Alumnos da Escola de Teatro Municipal introduciron o acto cunha breve representación
O Pazo da Cultura acolleu hoxe a presentación do FIOT, introducida por unha breve peza en defensa do teatro, levada a escena polos alumnos da Aula de Teatro Municipal e logo conducida polo xornalista de raíces carballesas Luis Fraga. Participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o Director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o presidente da asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo.
“Ata que chegue a vixésimo novena edición, a deste ano é seguro a mellor edición do FIOT”, bromeu Sueiro. “O FIOT ten que estar á altura da súa traxectoria, que nos valeu o Premio da Cultua Galega das Artes Escénicas, o premio ao Galego do Ano que outorga o Padroado Fogar de Bergantiños, ou ser recoñecidos como un dos dez eventos culturais máis importantes de Galicia, entre outros prestixiosos galardóns”.
_X460.jpg)
Luciano Calvo, con Luis Fraga
Luciano Calvo quixo restar importancia á transcendencia que ten o patrocinio da Fundación Luis Calvo para o FIOT e para a cultura e o deporte carballeses: “Sen a nosa fundación o FIOT seguiría funcionando igual porque Carballo é un pobo moi solidario, artellado por un tecido asociativo extraordinario, non hai máis que ver a enorme cantidade de entidades que apoian e se involucran nas innumerables manifestacións culturais e deportivas que se organizan no concello, sempre coa complicidade dos veciños, que enchen teatros, pavillóns, rúas e prazas”.
Para Jacobo Sutil, que o FIOT acadase o Premio da Cultura Galega “ten como responsables a todos os que están hoxe aquí, organizadores e público”. “O a Xunta, o FIOT é, unha parte fundamental do sector escénico porque teñen capacidade para difundir as producións propias pero tamén a capacidade de mostrar o que se está facendo no resto de España e mesmo fóra de España”, engadiu.
Xosé Regueira recoñeceu a influencia do FIOT na súa educación en teatro: “Pódelle agradecer a Telón e Aparte e ao Concello de Carballo que me educasen en teatro; moitos fomos medrando e aprendendo cultura e teatro grazas a festivais como o FIOT”. “Cando chegamos a una institución pública como a Deputación da Coruña e vemos que o noso festival é un dos eventos culturais máis valorados, para nós é motivo de orgullo e de fachenda”. “O FIOT para Carballo representa unha marca, un compromiso coa cultura e un dos eventos que fai que a nosa vila destaque por cuestións en positivo”, rematou.
“Para todas as persoas que aquí decidimos vivir”, afirmou Evencio Ferrero, “o FIOT é continuidade, é frescura, é ilusión, é ganas de aprender e de emocionarse, de convivir e de sentir orgullo de ser carballés”. “Temos -engadiu- moitos motivos para desfrutar do FIOT, e, como cada ano é o mellor, este ano gozaremos do mellor FIOT”.
#MIRADASFIOT

O Outono de Teatro, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, achegará á cidadanía múltiples propostas de dinamización cultural, como exposicións, encontros con artistas, teatro de rúa, microteatro e Dálle un bocado ao FIOT, un circuíto gastronómico de inspiración teatral para gozar das mellores tapas, logo de cada función, nos bares de Carballo.
O FIOT 2019 porá o foco no teatro social e sitúa o feminismo, as periferias e os colectivos que a sociedade mantén as marxes no centro da súa acción baixo o paraugas das #MIRADASFIOT. As propostas máis singulares e vangardistas chegarán da man dos ciclos Micro-escenas Metro Cadrado e OTNI, que ten no israelí Kulu Orr e na peza A.K.A (Also Known As) dúas propostas destacadas; mentres que a programación xuvenil fioTEEN acollerá a estrea en Galicia da gañadora do Premio Max ao mellor espectáculo xuvenil Dados, de Padilla e Ventrículo Veloz.
Carlos Blanco e Rodrigo Cuevas serán protagonistas da irreverente programación da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que encherá de humor e ironía os locais de hostalería e o mercado municipal con máis dunha ducia de espectáculos.
Dentro das actividades paralelas están as dedicadas ao público infantil, o Fiotiño, que inclúe o XIX Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, no que as nenas e nenos dos centros escolares da comarca levarán o teatro aos fogares de Bergantiños a través das ondas da radio. Sen esquecer Escena Norte Idea Carballo, unha xornada profesional en colaboración con Escena Galega; a Escola do Espectador, unha iniciativa que pretende facilitar ao público novos xeitos de achegarse ao teatro; os encontros Café con..., nos que os espectadores e os grupos teatrais poderán conversar arredor dos procesos creativos das compañías; ou a presentación e lectura dramatizada da obra Habitada, da carballesa Olivia Pena, que terá lugar o 25 de outubro.

Foto de familia