Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

ENTRADAS ESGOTADAS

O XiriaPop volve no outono para facernos bailar e cantar coa mellor música alternativa

Mércores 22 de setembro do 2021

Marcos Trigo, Xabier Graña, Maruxa Suárez e Evencio Ferrero

Marcos Trigo, Xabier Graña, Maruxa Suárez e Evencio Ferrero

O festival de música máis lonxevo de Carballo, o XiriaPop, volve este ano para cumprir 24 outonos enriba dos escenarios. E faino nun lugar histórico da vila, como é o Casino1889, o venres 24 e o sábado 25 de setembro. Pablo Solo (Santander), Ángel Kaplan (Xixón), Jabato (Madrid) e Los Malinches (Murcia) son a proposta para a primeira xornada; mentres que Escombros (Madrid), The Brosas (Burela) e Las Sombras (Barcelona) enchen o cartel do sábado, do que caeron os galegos Samesugas por problemas alleos á organización. No seu lugar haberá una sesión vermú cos ferrolanos Quant. apertura de portas é ás 21.00 e está previsto que os concertos comecen ás 21.30 h.

Por motivos de aforo, este ano só se puxeron á venda bonos para o venres e sábado. E como xa están esgotados, dende a organización faise un chamamento ás persoas que só vaian asistir un día para que cedan a súa praza a outra persoa. Se é o teu caso, ponte en contacto co XiriaPop a través da súa páxina de Facebook.

Hoxe presentamos o cartel coa presenza do concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo; a concelleira de Normalización Lingüística, Mocidade e Festas, Maruxa Suárez; o promotor do festival, Xabier Graña, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que felicitou a Xabier "por este traballo incansable, que ás veces non ten o recoñecemento debido", e apelou á posta en valor dun festival "tan propio, tan singular e tan carballés como o Xiria Pop”.

Con respecto ás limitacións do aforo, Marcos Trigo expresou o seu desexo de que "este Xiria Pop sexa a última edición en formato restrinxido”, e destacou o labor de Xabier Graña por conseguir que o festival sobrevivise á pandemia, pero tamén "por facer unha vez máis un cartel tan bo e pola súa aposta pola cultura, pola música e por traer grupos de aquí”.

Dende Normalización Lingüística valórase, como apunta Maruxa Suárez, que o XiriaPop "é un festival moi diferente do que se ofrece en Galicia e unha maneira de coñecer música nova e de calidade. Hai poucas ocasións para ver a grupos así e ademais é super económico”, apuntou.

Pola súa banda, Xabier Graña agradeceu o apoio do Concello de Carballo para que o festival perdure no tempo, e de seguido ofreceu unhas pinceladas sobre os grupos "bos, bonitos e baratos” que soarán esta fin de semana en Carballo.

VENRES

  • Jabato (Madrid). Son un grupo que xa estivo no festival e que está formado por César (guitarras, baixo, teclas e voz) Marta (batería, percusión e coros) e David (baixo e coros). Os compoñentes formaron ou forman parte doutras bandas como Jíbaros, Altavista... A súa música é unha mestura de power pop, new wave e rock'n'roll con hits redondos de rúa con guitarras cristalinas e letras incisivas.
  • Ángel Kaplan (Xixón). É moi coñecido pola súa militancia nos power-poperos Bubblegum, cuxos destinos dirixe dende hai unha década; ou pola súa etapa como baixista de Doctor Explosion. Lanzou o seu debut en solitario en 2008 con Transparent Dayze, un mini LP autoproducido, e o seu primeiro longa duración foi Pictures From The Past (Sunny Day Records), a súa grande oportunidade para meter a cabeza na escena pop sixties.
  • Pablo Solo (Santander). É un compositor, cantante e multiinstrumenta cántabro. Tras a disolución de The Puzzles, Pablo Fernández transformouse en Pablo Solo e lanzouse en solitario con Alondras, un compendio de cancións gravadas na súa propia casa que viu a luz con Folc Records. O disco, de escoita amena e fascinante, mostra a un compositor prolífico e en estado de graza.

SÁBADO

  • Las Sombras (Barcelona). É un grupo de música punk e garaxe rock xurdido en 1989. Está formado por Xavier «Sam», guitarra, Claudio Glaesmer, guitarra e coros, Albert «Bowie», batería e Martini Tamer, baixo e coros. Fieis a un método que combina os acordes xustos e unha actitude compulsiva Las Sombras sobreviven atrincheirados no seu reduto sónico: un universo paralelo que se regodea en calquera axuste xurdido do primeiro elepé de The Who e na insensatez dunha cara B de Johnny Moped.
  • The Brosas (Burela). The Brosas son unha banda composta por Lorenzo (baixo), Bernardo (guitarra e voz), Rubén (guitarra) e Gara (batería). O seu son fórmano as cancións contundentes en galego, directas, clariñas e concisas: boogie rock desquiciado, furia redneck e ferro a fondo ata que parta o pistón.
  • Escombros (Madrid) está formado por Miguel (voz e guitarra), Sanet (guitarra), Parli/Eddie (baixo) e Federico (batería). A súa música é unha mestura de punk rock, rock’n’roll e garaxe, con temas de sucio e chirriante rock’n’roll cargados de nervio e actitude, combinando o rock urbano dos 70 co punk rock dos 80.
  • Xiriavermú con Quant. Chegados de Ferrol volven coas súas letras desenfadadas e guitarras limpas para comezar coa festa do Xiria Pop ao mediodía.

Compartir: