Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Carballo entra de cheo no Nadal cun modelo propio de dinamización comercial, animación cultural e implicación social

A programación cultural habitual compleméntase cunha completa proposta de actividades e dinamización das rúas comerciais

Luns 13 de decembro do 2021

Marcos Trigo, Maica Ures, Evencio Ferrero e Xosé Regueira

Marcos Trigo, Maica Ures, Evencio Ferrero e Xosé Regueira

Dende o acendido do alumeado festivo, a principios de mes, o Nadal foi pousándose nas nosas rúas e adoptando as formas máis diversas grazas ao traballo artesán de Fabián Lage, que un ano máis pon a súa arte ao servizo das festas máis tradicionais para que as vivamos coa máxima intensidade. Renos, bastóns de caramelo e ata un candil xigante súmanse ás luces de cores para ofrecer unha decoración exclusiva que forma parte dun modelo propio de Nadal no que apostamos a partes iguais pola promoción comercial, a animación cultural e a implicación social.

Como consecuencia da mestura destes tres elementos, hoxe presentamos unha ampla, diversa e completa proposta de actividades das que poderemos desfrutar en familia dende hoxe mesmo e ata despois de Reis. O candil situado na rúa Coruña, que abrirá as súas portas durante as festas para converterse no salón de visitas de Papá Noel, converteuse no símbolo dunha programación que conta con achegas das concellarías de Cultura, Promoción Económica e Benestar, pero tamén de todo o movemento asociativo do noso concello.

Atoparás o calendario completo no folleto que podes descargar ao final desta nova.

O obxectivo, como moi ben explicou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, é transmitir ilusión á veciñanza e ao empresariado local. Por iso se apostou por reforzar a decoración con novos elementos e por iso se van levar a cabo actividades que permitan dalgún xeito a conciliación para que as familias poidan realizar as súas compras con maior comodidade.

Algunhas das actividades previstas, como os obradoiros e xogos no Mercado Municipal, non se levarán a cabo finalmente por precaución, dado que se trata dun espazo pechado e que os/as peques aínda non están vacinados na súa totalidade, pero Xosé Regueira xa avanzou que se están buscando alternativas para desenvolver ao aire libre. En calquera caso, en todas as actividades, tanto fóra coma dentro, adoptaranse as medidas precisas para a prevención da COVID-19.

Cartel gañador do concurso escolar de Nadal

Cartel gañador do concurso escolar de Nadal

Entre esas actividades figura o xa tradicional Nadal Pequespectacular no Pazo da Cultura, que este ano inclúe maxia, música e teatro dende o 27 ata o 30 deste mes, como avanzou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. As entradas están á venda xa en www.ataquilla.com. No Pazo da Cultura tamén se realizará o acto de entrega dos premios do concurso de cartel e programa de Nadal. Evencio Ferrero felicitou aos gañadores e agradeceu tamén a colaboración das empresas e institucións patrocinadoras tanto no concurso coma na cabalgata de Reis, entre outras actividades.

Pero ademais de actividades, o Nadal de Carballo tamén inclúe unha parte de sensibilización social, que neste caso chega a través da Concellaría de Benestar coa tradicional campaña de promoción do xoguete non sexista e non belicista. Nesta ocasión, como explicou a concelleira Maica Ures, o símbolo é un yo-yó, que non só ilustra o cartel da campaña senón que tamén será un agasallo do Concello de Carballo a toda a poboación escolar de infantil e primaria.

Descargas

Compartir: