Cultura

Cultura

- 2024 +
- Xullo +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

Un grupo de nenos e nenas do CEIP A Cristina realizaron a primeira visita escolar ao Concello dende o inicio da pandemia

O alumnado mantivo unha xuntanza co alcalde e co concelleiro de Obras e Servizos e realizou un percorrido polas dependencias municipais

Venres 18 de marzo do 2022 Cultura

Foto de familia no salón de sesións

Foto de familia no salón de sesións

Que ledicia volver a ver á rapazada na Casa do Concello! Despois de dous anos, hoxe regresaron as visitas escolares ás dependencias municipais cun grupo de alumnos e alumnas de 3º curso do CEIP A Cristina. E traían a lección ben aprendida, porque, segundo nos contou a súa profe, Maica Cotelo, veñen de celebrar o seu propio proceso electoral na aula, de xeito que o grupo chegou encabezado polo “alcalde” e os seus “concelleiros e concelleiras”, con moitas preguntas preparadas e máis ganas aínda de aprender.

No seu percorrido pola Casa do Concello, a primeira parada foi no salón de sesións, onde mantiveron unha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Os nenos e nenas interesáronse por todo tipo de cuestións, pero fixeron especial fincapé nunha: a presenza de excrementos de cans nas rúas e nos parques. Os responsables municipais explicáronlles que dende o Concello de Carballo lévanse feito, e seguirán facéndose, campañas de sensibilización veciñal, porque manter limpo o noso concello é responsabilidade de todas e todos, e tamén animaron á cativada a dar exemplo aos maiores co seu comportamento cívico.

A rapazada, nas dependencias da Policía Local

A rapazada, nas dependencias da Policía Local

Despois de case unha hora de conversa, os escolares saíron do salón de sesións con cadansúa mochila con información medioambiental e algúns agasallos, e dende alí foron percorrendo o edificio ata chegar á oficina de tramitación do DNI e o pasaporte que ten a Policía Nacional na planta baixa do edificio. Despois de coñecer a importancia do documento de identidade trasladáronse ata as dependencias da Policía Local, que é unha das paradas favoritas dos nenos e nenas, onde puideron coñecer máis de preto o traballo policial.

Agardamos que despois desta visita escolar, a primeira dende o inicio da pandemia, cheguen moitas máis. As portas da Casa do Concello sempre están abertas para a rapazada e para toda a cidadanía.

Compartir: