Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

DO 25 AO 29 DE ABRIL, XV SEMANA DO LIBRO E A LECTURA

O alumnado de infantil e primaria amósanos diferentes realidades do concello na exposición "Carballo é..."

As actividades que se desenvolverán polas mañás nos centros educativos complementaranse con “Tardes de contos, música e maxia” abertas ao público

Martes 19 de abril do 2022

Volve a Semana do Libro e a Lectura para descubrir como ve o noso concello o alumnado de infantil e primaria. Para a rapazada, “Carballo é...” unha chea de cousas: mar, deporte, arte, regueifa, cultura, natureza... E sobre todas elas, e algunhas máis, traballaron nas aulas os nove centros participantes para crear a magnífica exposición que imos poder ver do 25 ao 29 de abril na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, xa que estará aberta ao público en horario de tarde.

Pero a Semana do Libro e a Lectura, organizada pola Concellaría de Cultura en colaboración coa AS-PG e patrocinada pola Fundación Luis Calvo Sanz, é moito máis. O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, presentou hoxe o programa acompañado por Luciano Calvo, en representación da Fundación Luis Calvo Sanz, e polo alcalde, Evencio Ferrero.

Marcos Trigo expresou a satisfacción do Concello de Carballo por poder recuperar, despois de dous anos, unha actividade que foi a máis ao longo de catorce edicións, e que chega á número 15 con algúns cambios derivados, precisamente, da pandemia. Así, explicou, as actividades matinais non se desenvolverán na biblioteca, senón, agás no caso do CRA Ponte da Pedra, nos propios centros. Polas tardes, como viña sendo habitual, haberá actividades abertas ao público, aínda que con reserva previa de convite no 981758580.

Polos colexios carballeses pasarán diferentes espectáculos de Cé Orquestra Pantasma, María da Pontragha, o mago David Méndez, Félix Rodríguez e Fran Rei, Teatro Ghazafelhos, Xarope Tulú e mesmo un obradoiro de robótica. E todos os días ás 18 horas, a Biblioteca Rego da Balsa abrirá as súas portas a toda a rapazada de 3 a 8 anos para que desfruten de Tardes de contos, música e maxia

  • Luns 25. A voar. Cé Orquestra Pantasma
    Ao son do enerxético ritmo de Cé orquestra pantasma, cóntase e cántase a viaxe da pequena Xoana, xoaniña que movida pola curiosidade e o desexo de voar, emprenderá unha longa viaxe que a súa vida mudará.
  • Martes 26. Maxia de aquí e de acolá. Mago David Méndez
    Unha mestura entre maxia, comedia e improvisación, onde a participación do público está presente en todo momento. Unha escenificación máxica versátil e áxil que usa elementos cotiáns e tradicionais  que poden emerxer da nada, esvaecerse, levitar ou trocar de aparencia.
  • Mércores 27. A máquina do tempo. Teatro Ghazafelhos
    A doutora Mon e o seu axudante Pe fan un percorrido pola historia das civilizacións coa axuda da súa máquina do tempo. Durante o espectáculo precisarán da axuda do público que viaxará xunto coa doutora e o seu axudante a distintas épocas da nosa historia. 
  • Xoves 28. Bichocas.  Xarope Tulú
    Bichocas é un espectáculo onde os obxectos e a palabra nos fan viaxar a traverso do mundo animal. As protagonistas das nosas historias aprenderán nesta viaxe a importancia de seren diversas e a posibilidade de compartir coas demais os seus afectos.
  • Venres 19. Desconcerto. Félix Rodríguez e Fran Rei
    Os nosos protagonistas chegan tarde ao recital. Coa orquestra a piques de comezar e o público preparado para gozar, vense na obriga de improvisar para saír da situación. O espectáculo é un achegamento á música clásica a través do humor.

Agradecementos

Luciano Calvo expresou a satisfacción da Fundación Luis Calvo Sanz polo regreso da Semana do Libro e da Lectura e o seu desexo de que esta actividade “fortaleza o espírito de lectura dos nenos e nenas e que o manteñan durante toda a vida”.

O alcalde de Carballo agradeceu a colaboración “totalmente decidida” da Fundación Luis Calvo Sanz e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega para poder fomentar a lectura na infancia, “porque a lectura fainos críticos e autocríticos”, pero tamén para convidarnos a reflexionar sobre Carballo, “porque o espazo onde vivimos temos que seguir construíndoo entre todos”. Evencio Ferrero felicitou tamén ao profesorado e ás familias pola súa implicación.

Descargas

Compartir: