Cultura

Cultura

- 2024 +
- Xuño +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
9
10
11
12


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

PROGRAMA COMPLETO, AQUI

Xa está aquí o San Xoán!

Sábado 1 de xuño do 2024

O San Xoán está aquí, porque as ganas de festa enchen Carballo desde que empeza o mes de xuño. Xa vos anticipamos o fermoso e colorista cartel deseñado por Adrián Varela, que nos próximos días decorará todos os escaparates da vila, ou que unha das grandes actuacións será a do mítico grupo madrileño Los Secretos. Pero este ano o San Xoán vai durar 11 días, que dan para moito, como puidemos comprobar na presentación oficial das festas, na que participaron o presidente da comisión, Sergio Varela; a concelleira de Festas, Maruxa Suárez; o alcalde, Evencio Ferrero, e, como manda a tradición, o autor do cartel e a representante da empresa patrocinadora do premio, Belén Enríquez.

Entre as novidades destas festas, ademais da súa duración, que "xa supera os sanfermíns" (brincadeira do alcalde), destaca o traslado das barracas á zona do Rego da Balsa por motivos de espazo e, sobre todo, de seguridade, dado o volume de tráfico que agora soporta o San Martiño polas obras na ponte da Milagrosa. No Rego da Balsa celebrarase tamén algunha das verbenas, porque, como apuntou o presidente da comisión de festas, Sergio Varela, «a praza non encolle, pero as orquestras medran».

E ademais nese mesmo espazo repetirase a cachela popular, que foi un auténtico éxito na súa primeira edición, e que esta vez promete ser aínda mellor. Con racións a 10 euros, música e a gran cachela coa que, seguro, sorprenderanos un ano máis o gran Maxi Pazos. Como na edición anterior, a elaboración da cachela está aberta á participación de todas as persoas que queiran colaborar con Maxi, que seguro que o agradece.

Sergio Moure de Oteyza e a Sinfonía de Bergantiños

Sergio Moure

Sergio Moure

Como xa é tradición, e como podedes ver e escoitar no vídeo que acompaña esta nova, o alcalde foi o encargado de dar a coñecer a identidade do pregoeiro: Sergio Moure de Oteyza, nado en Carballo no ano 1969 e veciño do noso concello ata a adolescencia, famoso compositor musical e autor da Sinfonía de Bergantiños para o Concello de Carballo.

Cursou estudos de harmonía, composición, arranxos e guitarra na aula de música moderna e jazz do Conservatorio do Liceo de Barcelona. Traballou como compositor e profesor para o ESCAC (Escola superior de cinema de Cataluña) e como compositor e coordinador musical para o CECC (Centro de estudos cinematográficos de Cataluña) entre os anos 1997-2000. No ano 2003 compuxo a banda sonora de Inconscientes, que supuxo a súa primeira partitura para cinema, conseguindo un nomeamento aos premios Goya e aos premios Gaudí. A este traballo seguíronlle mais de cincuenta bandas sonoras para cinema, televisión, series e documentais nacionais e internacionais.

Desde o ano 2016 faise cargo da composición da música orixinal dos espectáculos da Compañía de Danza Contemporánea Nova Galega de Danza. Algúns, como Leira ou Berro, tivemos a sorte de velos e escoitalos no ciclo Primavera enDanza.

A súa música foi interpretada por grandes formacións sinfónicas, entre elas a Orquestra Gaos da Coruña. E citamos especificamente esta orquestra porque vai ser a encargada de interpretar a Sinfonía de Bergantiños, composta por Sergio Moure para o Concello de Carballo, na súa "estrea planetaria", como apuntou Evencio Ferrero.

Este ano, polo tanto, o pregón será dobre: o que pronunciará Sergio Moure, e o que escoitaremos de seguido: unha sinfonía de tres movementos que leva o nome da nosa comarca e do noso concello, porque o terceiro movemento titúlase Carballo e contará coa participación de músicos e músicas carballeses xunto á orquestra Gaos. Este terceiro movemento inclúe instrumentación tradicional que será interpretada por músicos da Banda Municipal de Gaitas e da Banda de Música do Conservatorio, aos que se sumarán o zanfonista Luis Bolón, de Sofán, e unha vintena de cantareiras das agrupacións Arume, Escola do Alprende e Nemeth.

En canto á orquestra Gaos, naceu no ano 2009 como un proxecto para aglutinar o talento dos músicos novos dos conservatorios galegos. O seu nome honra ao compositor coruñés Andrés Gaos, do que, precisamente, interpretarán un par de pezas antes do pregón. A orquestra, dirixida por Fernando Briones, está formada por 80 músicos de toda Galicia. Xa nos tarda a estrea!

Descargas

Vídeos



Galería

Compartir: