DOMINGO 15 DE DECEMBRO NO CENTRO SOCIAL DE BÉRTOA
A Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegos anticípase ao Día das Letras Galegas cunha xornada de baile tradicional en Carballo
As inscricións poden realizarse nos teléfonos 986 847 074 e 982 229 966 ou no enderezo electrónico secretaria@gaiteirosgalegos.gal
Domingo 8 de decembro do 2024 Carballo ao día
A Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as (AGG) celebrará o domingo 15 unha nova edición das súas xornadas de baile tradicional, que nesta ocasión achéganse ata o noso concello con relatorios e obradoiros guiados por Beatriz Busto, Mar da Bouzas e Ramón do Serrador. O punto de encontro será o centro social de Bértoa.
A iniciativa, subvencionada pola Deputación da Coruña e na que colabora o Concello de Carballo, anticípase á celebración do Día das Letras Galegas 2025, “no que as cantareiras e a poesía popular oral serán as protagonistas, especialmente personificadas na homenaxe a Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e máis Manuela Lema Villar) de Malpica de Bergantiños”, explican desde a organización.
O obxectivo da xornada é achegarse “aos bailes destas comarcas para coñecer e completar coñecementos, tanto dos profesionais do mundo do baile tradicional como para todos aqueles interesados no noso baile, podendo participar así de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición”.
Programa
- 10.20 h. Apertura
- 10.30 h. Relatorio e coloquio: “Os corpos rev(b)elados. Poder, xénero e dicotomía no baile", con Beatriz Busto
- 11.45 h. Descanso
- 12.00 h. Obradoiro: “Achegamento ós diferentes tipos de baile solto da parroquia de Mens e comparativa cos de algunhas parroquias do concello de Malpica”, con Mar da Bouzas
- 13.30 h. Remate sesión da mañá
- 16.00 h. Obradoiro: “Baile solto na Serra de Montemaior”, con Ramón do Serrador
- 17.30 g- – Remate das xornadas
As inscricións poden facerse nos teléfonos 986 847 074 e 982 229 966 ou enviando un correo electrónico a secretaria@gaiteirosgalegos.gal indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e enderezo electrónico. As xornadas son de balde e as prazas son limitadas.
“A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, xa que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se pode participar de xeito activo, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación”, sinala a AGG.