ENTRE O 30 DE XANEIRO E O 20 DE FEBREIRO
A mostra de cine Amal en Ruta volve a Carballo coa misión de achegar a cultura de Oriente e Occidente
Esta edición céntrase na resistencia do pobo palestino con cinco longametraxes do mellor do panorama cinematográfico euroárabe da actualidade
Luns 27 de xaneiro do 2025 Cultura
Presentación do ciclo de cinema AMAL en Ruta
Entre o xoves 30 de xaneiro e o xoves 20 de febreiro o Pazo da Cultura de Carballo acolle as proxeccións do ciclo de cinema euroárabe AMAL en Ruta, que nesta edición de 2025 aborda principalmente temas sobre a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais dos países árabes. Baixo o lema “Existir es resistir”, a programación céntrase na resistencia do pobo palestino e noutras historias de resiliencia en contextos de conflito e migración. Os filmes abordan temáticas como a situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa.
A concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez, o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero presentaron hoxe en rolda de prensa, no Pazo da Cultura de Carballo, a oitava edición desta mostra de cine. A actividade está organizada conxuntamente por ambas entidades co obxecto de achegar a sociedade árabe a Galicia, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea. Maruxa Suárez resaltou que AMAL en Ruta cumpre xa oito anos e que o Concello de Carballo está “moi orgulloso de poder colaborar e de conseguir que haxa un público bastante fiel” a esta mostra. Subliñou que “a programación deste ano é moi axeitada con catro filmes palestinos” e desexou que a iniciativa sirva para que “non se silencie esta cultura palestina”.
Maruxa Suárez: Esperemos que a iniciativa sirva para que non se silencie esta cultura palestina
O director do festival lembrou que desde hai décadas, o pobo palestino foi sometido a múltiples agresións: roubo de terras, confiscación de propiedades, demolición de vivendas, restricións de movemento, limpeza étnica, represión violenta, tortura e morte. “Os responsables desta masacre levan tempo utilizando a cultura e os medios de comunicación para encubrir as súas atrocidades. Por iso, cada poema, cada película, cada fotografía, cada libro que publicamos é sinónimo de loita. Os palestinos e descendentes de palestinos convertemos o mero feito de existir en resistencia. Amal non é só un festival de cine, é un acto de resistencia. Nos 22 anos de Amal, loitamos contra a desinformación que promoven as empresas de comunicación e outros organismos co obxectivo de deshumanizar a cultura e a cidadanía árabe e converter ao resto da sociedade en cómplices desta barbarie. Pero Amal significa esperanza, e este ano significa, sobre todo, resistencia” –destacou–.
Rematou Evencio Ferrero que quixo, pola súa banda, agradecerlle á Fundación “que siga existindo e resistindo” para crear iniciativas como esta e “amosarlle aos veciños que tamén hai cultura de resistencia”. Para o Alcalde de Carballo “o que está ocorrendo co xenocidio na franxa de Gaza e coas invasións posteriores” deixa “na súa gran maioría vítimas completamente inocentes” e AMAL en Ruta está conseguindo que exista un público “que está desexando refrescar o seu compromiso e resfrescar as súas mentes cada edición”. Para rematar, desexou que a mostra de cinema sirva para “insistir, resistir e trasladarlle ao conxunto da sociedade estas realidades que están aí día a día”.
Esta mostra leva varios anos visitanco Carballo grazas ao seu carácter itinerante e tense convertido nun proxecto que hoxe é máis necesario ca nunca, porque o coñecemento do “outro” favorece o entendemento e o respecto mutuo, dous elementos fundamentais para avanzar na tolerancia e no progreso entre os pobos, algo que a mostra canaliza a través da cultura audiovisual.
Amal en Ruta é un proxecto da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, unha entidade sen ánimo de lucro nacida en Santiago de Compostela no ano 1984 e cuxa misión principal é o achegamento cultural entre Oriente e Occidente, en concreto, entre o mundo árabe, Latinoamérica e España. A Fundación tense convertido ao longo das súas máis de catro décadas de existencia nun referente da vangarda audiovisual e do debate social en Galicia, así como nun exemplo de integración cultural, destacando entre as súas actividades a Semana de Cinema Euroárabe AMAL -a máis antiga de Europa-. Dende 2008 a Fundación é membro da Alianza Global para a Diversidade Cultural da UNESCO.
A mostra AMAL en Ruta Carballo é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Este ciclo consta de catro ficcións e un documental –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Poderanse ver desde o xoves, 30 de xaneiro, ao xoves, 20 de febreiro, no Pazo da Cultura ás 20.00 horas. O acceso ás proxeccións é libre e gratuíto ata completar o aforo da sala.
- Xoves 30 xaneiro - 20.00 horas.
The Teacher (FIC)
Farah Nabulsi 2023 | Palestina | 115’
Un profesor palestino enfróntase á devastadora realidade do conflito en Gaza mentres trata de inspirar aos seus estudantes a través da educación. A película retrata, cunha mirada íntima, o choque entre o idealismo e a brutalidade cotiá onde o ensino convértese nun acto de resistencia.
Farah Nabulsi é unha directora palestinobritánica defensora dos dereitos humanos. Foi nomeada aos Oscars e gañou un premio BAFTA pola súa curtametraxe The present no 2021. Fundou unha produtora a través da cal escribe, produce e dirixe as súas filmes de ficción, explorando temas que lle importan.
- Sábado 1 febreiro - 20.00 horas.
Inshallah Walad (FIC)
Amjad Al Rasheed 2023 | Xordania, Francia, Exipto | 113’
Nai e ama de casa, Nawal ten que enfrontarse á súbita morte do seu marido. Segundo a lei de sucesións, a familia do seu marido ten dereito á maioría das súas pertenzas, incluída a vivenda que ella mesma pagou, só porque non ten fillo. Desesperada, finxe estar embarazada.
Amjad Al Rasheed, nado en 1985, é un director e scritor xordano. A súa primeira longametraxe, Inshallah Walad, estreouse mundialmente no Festival de Cannes de 2023 como parte da prestixiosa Semana da Crítica. Isto converteuna na primeira película xordana seleccionada para o Festival de Cine de Cannes.
- Xoves 6 febreiro - 20.00 horas.
The Old Oak (FIC)
Ken Loach 2023 | Reino Unido | 110’
O filme narra o futuro de The Old Oak, o único pub que resiste nunha vila do noroeste de Inglaterra, onde a xente está abandonando a terra a medida que pechan as minas. As casas son baratas e están dispoñibles, polo que é un lugar ideal para un grupo de refuxiados sirios.
Ken Loach é un prestixioso director británico, coñecido polo seu estilo realista e o seu enfoque sobre temas sociais e políticos. Ao longo da súa carreira, dirixiu aclamados filmes como Daniel Blake, Riff-Raff e The Wind that Shakes the Barley, todos eles premiados internacionalmente. Loach destaca polo seu compromiso coa xustiza social, a cotío explorando as loitas das clases traballadoras e grupos marxinalizados nas súas obras cinematográficas.
- Xoves 13 febreiro - 20.00 horas.
To a Land Unknown (FIC)
Mahdi Fleifel 2024 | Grecia, Reino Unido, Palestina | 105’
Chatila e Reda, de orixe palestina, son dous curmáns que remataron vivindo nos suburbios de Atenas buscando unha vida mellor. No intento de aforrar diñeiro para pagar os pasaportes falsos e mudar a Alemaña, Chatila trama un plan extremo antes de que sexa demasiado tarde.
Mahdi Fleifel é un cineasta palestino que reside en Londres. Naceu en Dubai, creceu no campo de refuxiados de Ain El-Helweh (O Líbano) e nas aforas de Elsinore (Dinamarca). Graduouse na Escola Nacional Británica de Cinema e Televisión en 2009. O seu coñecido documental, A World Not Ours percorreu o gran circuito de festivais e obtivo numerosos premios, entre eles o Premio da Paz da Berlinale, o de Mellor película en Edimburgo e o Gran Premio en Yamagata.
- Xoves 20 febreiro - 20.00 horas.
Bye Bye Tiberias (DOC)
Lina Soualem 2023 | Palestina, Bélxica, Qatar, Francia | 82’
Anos despois de deixar a súa aldea palestina para emprender unha carreira de actriz en Francia, Hiam Abbass regresa a casa coa súa filla neste documental íntimo sobre catro xeracións de mulleres e o seu legado compartido de separación.
Cineasta e actriz franco-palestina-alxerina, Lina Soualem é licenciada en Historia e Ciencias Políticas pola Universidade da Sorbona. Soualem dirixiu os multipremiados filmes Their Algeria (2020) e Bye Bye Tiberias (2023), o cal foi elixido para representar a Palestina nos Óscar de 2024.