Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Os participantes na carreira De dous en dous correrán o 13 de maio polas rúas de Carballo a beneficio de Cruz Vermella e Cáritas

O alcalde, o concelleiro de Deporte e a presidenta do Club Atletismo Carballo presentaron a terceira edición da proba solidaria

Martes 25 de abril do 2017

O Club Atletismo Carballo, en colaboración co Concello e Carballo Deporte,  organiza a III Carreira popular por parellas De dous en dous, que se disputará o vindeiro 13 de maio. A proba será de novo nocturna e terá un carácter solidario, neste caso a favor de Cruz Vermella e Cáritas. 

As inscricións son de balde para todas as categorías, coa opción “non obrigatoria e solidaria” de entregar, ao recoller o dorsal, un litro ou quilo de comida non perecedoira ou produtos de hixiene infantil. Faranse a través da web Carreiras Galegas (http://www.carreirasgalegas.com), ata o martes 9 de maio como data límite.

A saída e meta de todas probas estará na Gran Vía, á altura da rúa Álvarez de Sotomayor, e os corredores deberán completar as distancias, segundo a súa categoría, nun circuíto de 1.000 metros polas rúas arredor da Praza do Concello: Gran Vía, Doutor Fleming, Vázquez de Parga, e Desiderio Varela.

Como nas anteriores dúas edición,s a carreira está aberta a atletas con diversidade funcional. A novidade este ano é que a modalidade por parellas abrirase na categoría infantil, e non a partir da xuvenil, como ata o de agora. Nas categorías menores (pitufo, benxamín e alevín) pódese correr de xeito individual. Nas categorías de adultos, infantís e cadetes correrase en parellas (femininas, masculinas ou mixtas) atadas por unha cinta no pulso que se entregará canda o dorsal.

Premios

Categoría Pitufo: terán medalla todos os participantes.
Categoría benxamín feminina e masculina: trofeos para os tres primeiros/as corredores/as e medallas para todos os participantes.
Categoría alevín feminina e masculina: trofeos para os tres primeiros/as corredores/as e medallas para todos os participantes.
Categoría infantil: medallas para todos os participantes e trofeos para os tres primeiros equipos masculinos, femininos e mixtos.
Categoría cadete: trofeos para os tres primeiros equipos masculinos, femininos e mixtos.
Por parellas: Trofeos para os tres primeiras parellas masculinas, femininas e mixtas. Trofeos para as tres primeiras parellas masculinas, femininas ou mixtas que superen os 100 anos entre os dous corredores.

Presentación

Marcos Trigo, Asun Vázquez, Evencio Ferrero e Moncho Ríos, na presentación

Marcos Trigo, Asun Vázquez, Evencio Ferrero e Moncho Ríos, na presentación

A proba presentouse onte casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e a presidenta do Atletismo Carballo, Asunción Vázquez Bértoa, quen salientou a presencia na nosa carreira de Óscar Fernández Vázquez, do Inforhouse Santiago, subcampión galego de tríatlon. A presidenta, que estivo acompañada polo directivo Moncho Ríos, confirmou tamén o bo ritmo ao que marchan as inscricións, con 56 parellas anotadas, onte, na categoría de adultos.

Marcos Trigo mostrou o agradecemento do Concello ás entidades, como o Atletismo Carballo, que “sitúan á nosa vila no mapa deportivo galego e mesmo estatal”. “Apostamos por iniciativas tan abertas á sociedade, como é o caso desta carreira: unha proba de cooperación, non tanto de competición, senón de moita colaboración e de superación persoal”.

“Carballo é un bo exemplo de persoas comprometidas co deporte en moitas modalidades”, dixo o alcalde. “Para o Concello”, engadiu, “é unha verdadeira satisfacción ver como se consolidan probas como esta carreira que demostra que Carballo é tamén un concello solidario”. “Esta proba reúne moitos ingredientes para ser un novo éxito: para esta entidade e para todo o deporte carballés, por iso me gustaría que participase moita xente, que se fixese deporte de convivencia e solidariedade e que esa solidariedade lle chegase despois a outra moita xente necesitada de axuda”.

Compartir: