Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

650 xogadores de 55 equipos converterán Carballo na capital do baloncesto infantil no Día das Letras Galegas

A Escola Basket Xiria presentou a quinta edición do seu Día do Pequebasket nun concorrido acto que tivo lugar no Casino

Martes 9 de maio do 2017

O 17 de maio Carballo será, por quinto ano consecutivo, capital galega do baloncesto para os máis cativos. 650 xogadores de entre 5 e 8 anos e 55 equipos de toda a comunidade citaranse na zona do Pavillón Carballo Calero para gozar do V Pequebasket, unha data subliñada no calendario de clubs de Viveiro, Ourense, Lugo, As Pontes, A Coruña, Santiago, Ferrol, Porto do Son, Sarria, Teo, Vigo, Culleredo, Ponteceso, Cee, A Laracha e, claro está, a nosa localidade. A organización quedou, coma sempre, nas mans da Escola Basket Xiria, que conta coa colaboración do Concello, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto.

Do interese que esperta cada ano esta xornada de convivencia, deporte, saúde e amizade (que clausura, ademais, a tempada das Escolas de Iniciación do Basket Xiria e, nesta ocasión, tamén o Babybasket, a nova competición creada este curso pola Federación Galega) fala o feito de que houbese que pechar a inscrición once días antes da celebración do evento, e logo de ampliar ata 55 o número máximo de equipos participantes, inicialmente establecido en 49.

Como novidade, o vindeiro mércores non visitará o Pavillón Carballo Calero o ata este ano padriño do Pekebasket, Fernando Romay, pero si está confirmada a presencia de varios xogadores do primeiro equipo do Obradoiro.

Presentación no Casino

O Pequebasket 2017 presentouse hoxe no Casino, nun acto no que foi anfitrión o presidente da xestora da entidade, Ricardo Vilas, e no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o presidente da  Escola Basket Xiria, Marcos Díaz Molk; o responsable de Deportes da Deputación, José García Liñares, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín.

“Nos nosos soños chegaríamos aos 1.000 participantes -asegurou Molk-, pero, por presuposto, tivemos que pechar a inscrición en case 650. Os cartos para o Pequebasket –engadiu- non son un gasto, son un investimento de futuro: en educación, en adestradores, en saúde”. Entre os agradecementos do presidente do Basket Xiria, ademais do alcalde e do edil de Deporte, Marcos Trigo, estivo o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xose Regueira, “un dos impulsores do Pequebasket desde a primeira edición”, dixo.

Francisco Martín mostrouse gratamente sorprendido do “percorrido que está a ter o Pequebasket” e confesou que cando a Federación Galega puxo a andar o BabyBasket fíxoo tendo sempre moi presente o torneo do Basket Xiria. “Chámese Pequebasket, Babybasket ou como se chame, Carballo ten que ser un referente no baloncesto galego para rapaces desta idades”.

Para Liñares, o Pequebasket “ten un aspecto importantísimo, que é o da convivencia: a convivencia fomenta a educación e, loxicamente, a través da educación seremos moito máis libres”.

O alcalde de Carballo lembrou os nacementos de varias das seccións de Xiria no ano 1983. “Pero o que é máis importante de todo –dixo- é que moitas persoas que formaron parte de Xiria desde hai moitos anos sigan vinculadas ao club, porque o que claramente demostra isto é que os proxectos que teñen sentido son os colectivos, e os proxectos colectivos son os que lle dan vida a un pobo. Neste aspecto, todos nos temos que sentir moi afortunados de dicir que en Carballo o deporte é tremendamente relevante: no baloncesto e noutras categorías deportivas”.

Os clubs participantes

CB Viveiro de Lugo / AD Bosco Salesianos de Ourense / Franciscanos de Lugo / EDM Ponteceso / CB As Pontes / CD Los Rosales de A Coruña / ADM Peleteiro de Santiago / CB Mercedarias de Ferrol / CB Costa Artabra / AD Franciscanos de A Coruña / CB Porto do Son / CB Artai de Carballo / CB Sarria / Cristo Rey de A Coruña / CD San José de Cluny de Santiago / CB Basquet Coruña / CB Universitario de Ferrol / Estudiantes de Lugo / Club Jesuitinas de A Coruña / CD Galogrin de Teo / ACB Costa da Morte de Cee / CD María Auxiliadora de Lugo / Celta Baloncesto de Vigo / Basket School de Ferrol / CB Culleredo / AAA Dominicos / EMB A Laracha / Escola Basket Xiria

Compartir: