Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Nos últimos dez anos duplicamos as subvencións a entidades deportivas, que este ano acadarán a cifra récord de 200.000 euros

O prazo de solicitude para as axudas para a actividade regular, eventos de carácter extraordinario e fases de ascenso a competicións estatais estará aberto do 20 de xuño ao 10 de xullo

Luns 19 de xuño do 2017

Desde o 20 de xuño ata o 10 de xullo estará aberto o prazo de solicitude de subvencións para as entidades deportivas do concello de Carballo, tanto para a actividade xeral que desenvolven ao longo do ano como para a organización de eventos de carácter extraordinario e/ou para a participación en fases finais de ascenso e competicións estatais. Entre estas tres liñas de axudas o Concello repartirá 109.000 euros. Pero as previsións totais para este ano, que inclúen tamén outro tipo de subvencións, como as de proxectos de escolas deportivas de base en horario extraescolar e as nominativas, acadan os 200.000 euros, unha cifra récord na historia do deporte local e que practicamente duplica os 108.839 euros destinados a este mesmo fin hai dez anos.

Esta cifra evidencia o compromiso do goberno municipal co deporte local. Xa o ano pasado acadárase outro récord, cun total de 182.610,35 euros en axudas dos que se beneficiaron trinta entidades do municipio, todo isto sen contar as subvencións por exención das taxas de uso das instalacións.

Publicación no BOP

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o extracto das convocatorias para as tres liñas de axudas que abrirán mañá, que afondan na política municipal de destinar recursos económicos, a través das entidades que están a traballar no noso concello, á promoción da actividade deportiva entendida como un elemento fundamental na formación integral, na mellora da calidade de vida da cidadanía e na cohesión social.

Nos documentos adxuntos podedes consultar as bases completas e as convocatorias correspondentes a cada unha das liñas de subvención. Así mesmo, no apartado de descargas atoparedes toda a documentación que deben presentar as entidades a través da sede electrónica do Concello de Carballo, dispoñible na seguinte ligazón: https://sede.carballo.org/gl/?idioma=gl

Ligazóns

Descargas

Compartir: