Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

245 ciclistas de toda España participan mañá nunha nova edición das 12 Horas BTT Carballo

A proba disputarase este sábado no polígono industrial de Bértoa, entre as nove da mañá e as nove da noite

Venres 21 de xullo do 2017

 245 ciclistas de toda Galicia e outras localidades de España participan mañá nunha nova edición das 12 Horas BTT Carballo, que organiza a Asociación Deportiva Media Ducia, en colaboración co Concello de Carballo. Entre eles estará o asturiano, Marco Antonio Prieto, quen xa sabe o que é levantar o trofeo de campión. A proba disputarase no polígono industrial de Bértoa, entre as nove da mañá e as nove da noite. O avituallamento comezará ás 10.00, de xeito continuado ata o final da carreira. O último paso por meta será ás 20.45: logo quedará pechado o acceso ao circuíto. A dirección de carreira optou por un trazado de 8,6 quilómetros que satisfará ao ciclista máis esixente, e inclúe zonas rápidas, zonas máis técnicas, baixadas e subidas, pero por riba de todo será un circuíto rápido e rodador.

Os competidores repártense nas seguintes categorías: 3 na individual femenina, 40 na individual masculina,12 equipos de 2 integrantes masculinos, 22 equipos de 3 integrantes masculinos, 1 equipo de 3 mixto, 20 equipos de 4 masculinos e 6 equipos de 4 mixtos.

Ademais de premios aos tres mellores de cada categoría, a organización entregará un diploma a cada participante coa información das voltas completadas e cos tempos rexistrados. Haberá premios ao club con máis corredores en competición e aos ciclistas chegado de máis lonxe e de maior e menor idade. Outorgarase un Diploma de Ouro aos participantes que superen os 200 quilómetros, un Diploma de Prata os que completen entre 150 e 200 quilómetros, e un Diploma de Bronce os que cheguen ata os 150 quilómetros. Todos os ciclistas poderán optar ao premio á volta rápida, que contará a partir da cuarta.

Compartir: