Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Aberto o prazo de inscrición para o Carballo Trail Race 2018, a primeira proba destas características na Costa da Morte

O Concello de Carballo establece dous percorridos e tres modalidades de participación ata un máximo de 300 deportistas

Venres 22 de decembro do 2017

Trazado do Carballo Trail Race

dTrazado o Carballo Trail Race

A oferta deportiva do Concello de Carballo incrementarase no 2018 coa celebración do Carballo Trail Race, unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo que discorrerá por pistas e camiños non asfaltados na súa maior parte ao longo de 30 quilómetros na opción longa e de 10 na curta. Os/as participantes poderán escoller entre unha e outra, e terán ademais unha terceira opción: competir en  parellas. O prazo de inscrición está aberto a través de www.carreirasgalegas.com ou nesta mesma web ata o día 29 de xaneiro ou ata completar as 300 prazas dispoñibles. Cada participante aboará 5 euros de cota.

O Carballo Trail Race, que se celebrará o domingo 4 de febreiro, será a primeira proba destas características na Costa da Morte. O Concello de Carballo conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e a Agrupación Deportiva Media Ducia, ademais de Coca-Cola e Gadis.

No percorrido curto establécense seis categorías: xuvenil sub 18 masculina e feminina (nad@s nos anos 2001 e 2001), sénior masculina e feminina (nad@s desde o 5 de febreiro de 1978 ata o ano 2000) e máster masculina e feminina (nad@s ata o 4 de febreiro do 1978). A saída será ás 09.30 horas, e @s participantes disporán dun tempo máximo de dúas horas para completar a ruta. No traxecto longo hai tamén categorías sénior masculina e feminina e máster masculina e feminina, ademais de parellas, que poden ser masculinas, femininas ou mixtas (nad@s no 2000 e anos anteriores). A saída será á mesma hora e disporán dun tempo máximo de 5 horas para completar os 30 quilómetros.

Os dorsais e os chips recolleranse o sábado 3, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas, na piscina Vila de Noia ou o mesmo día da proba a partir das 07.30 horas. Haberá autobuses ás 08.30 horas para desprazar aos participantes ata o punto de saída, que estará situado na praia de Razo. As metas estarán en Vinculeiro (Cances) para a ruta curta e o Paseo do Anllóns para a longa e para as parellas.

Ligazóns

Compartir: