Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

RESERVA DE ENTRADAS NO 689844185

Volve o autocross ao circuíto do motor de Bértoa cun récord de participantes e a máxima expectación

117 vehículos disputarán esta fin de semana unha proba decisiva no Campionato de España 2021

Martes 6 de xullo do 2021

Esta fin de semana dispútase o 13º Autocross do Campionato de España en Carballo. Había moitas ganas, como demostran tanto a cifra de participantes coma a demanda de entradas. Por primeira vez nestas 13 edicións acadaremos os 117 vehículos, aproveitando ata o máximo a capacidade da instalación. Pero ademais de bater o récord local, acadamos o número máis alto de participantes de todo o circuíto estatal neste 2021.

A organización recae nesta ocasión no Club Rally Coruña, que conta coa colaboración do Concello de Carballo. Representantes de ámbalas dúas entidades presentaron hoxe a proba. Por parte da escudaría participaron Ernesto Rumbo e Juan Fernández, e por parte municipal, Marcos Trigo e Evencio Ferrero. Tamén estivo presente Maikel Vilariño, que, malia ter aparcado a competición para centrarse no seu proxecto empresarial de construción de vehículos, esta fin de semana volverá a poñerse ao volante dun coche da súa marca, Labase, para correr “na casa e nun dos meus circuítos favoritos”, segundo asegurou.

“O circuíto de Bértoa é unha instalación na que lles encanta correr aos pilotos”, abundou Ernesto Rumbo, que destacou o altísimo nivel que terá a competición e o rifadas que estarán todas as categorías, especialmente a de kartcross. O representante do Club Rally Coruña destacou a forte implantación do autocross en Carballo e Bergantiños e a gran calidade dos/as deportistas locais. Unha das escasísimas mulleres participantes será a pontecesá Sandra García, que volve á competición “con moitas ganas” despois dunha época apartada dos circuítos, asegurou Ernesto Rumbo.

Os representantes da escudaría organizadora destacaron as calidades do autocross  como “escola” para todas as modalidades de automobilismo e tamén o valor social da competición. “O deporte ten que servir de vínculo para toda a poboación, sen exclusión de ningún tipo, e nese sentido o autocross non é só un evento deportivo, senón tamén social”, sinalou Ernesto Rumbo. Este ano, ademais da tradicional colaboración coa Cruz Vermella, incluirase tamén Aspaber, “para devolver unha pequena parte do que Carballo nos dá”, engadiu.

Por último, tanto representantes deportivos coma políticos incidiron na importancia de que o autocross de Carballo sexa un evento seguro, e apelaron ao respecto das normas de prevención da COVID-19. O uso de máscara será obrigatorio e haberá límite de aforo. Ata onte vendéronse 270 entradas, polo que as persoas que non queiran arriscar poden realizar as súas reservas no número de teléfono 689844185.

Ligazóns

Descargas

Compartir: