Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Evencio Ferrero realizou o "saque de honra" simbólico do IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo

O torneo, que conta con representación internacional, dispútase ata o día 8 na planta alta do Mercado Municipal

Mércores 1 de setembro do 2021

O alcalde realizou o primeiro movemento na partida entre o indio Gukesh D e o portugués Andre Nabais Moura Belo portugués

O alcalde realizou o primeiro movemento na partida entre o indio Gukesh D e o portugués Andre Nabais Moura Belo portugués

Cun simbólico primeiro movemento equiparable a un saque de honra, Evencio Ferrero abriu o IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo, que arrincou este 1 de setembro e que continuará ata o día 8 na planta alta do Mercado Municipal. Finalmente participarán 52 axedrecistas de todas as idades e das máis variadas procedencias. De feito, entre os/as participantes figuran un xogador de Paraguai, outro de Alemaña, outro de Portugal e tres de India, entre eles Gukesh D, campión mundial sub14 e terceiro Gran Mestre máis novo da historia con 12 anos, 7 meses e 17 días, e que ademais ofrecerá unha exhibición de partidas simultáneas fronte a 20 opoñentes o sábado día 4 na Praza do Concello.

O IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo, valedoiro para ELO internacional e nacional, dispútase polo formato suízo a 9 roldas (unha diaria), un sistema ata o de agora inédito en Carballo, reservado a torneos en cidades coma Pontevedra, Ourense e Ferrol e a localidades con gran tradición en torneos de xadrez coma Mondariz, Sanxenxo ou Cambados.

O club local O Toque Xiria, anfitrión do torneo, aspira a consolidarse como un referente do xadrez galego tanto en organización de eventos coma dende o punto de vista deportivo, celebrando o ascenso do club á máxima división galega de xadrez en 2020 e na que competirá en 2021 e 2022.

A información ao detalle sobre o torneo, nesta ligazón. E ademais podes ver os movementos en directo, ata cinco tableiros, pinchando aquí.

Compartir: