Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

A Escola Basket Xiria achega á veciñanza de Carballo e Bértoa o programa de baloncesto nas parroquias

Veciños e veciñas de todas as idades poderán desfrutar da experiencia de xogar con deportistas do club carballés

Xoves 16 de decembro do 2021

Marcos Trigo, Primitivo Reguera, Evencio Ferrero e Arturo Ferraces

Marcos Trigo, Primitivo Reguera, Evencio Ferrero e Arturo Ferraces

Despois de pasar por Goiáns, Noicela, Razo, Berdillo, Sísamo e A Brea, este ano o programa “Vive o deporte, desfruta do baloncesto na túa parroquia” chega a Carballo e Bértoa. A Escola Basket Xiria aposta unha vez máis por unha actividade que pretende achegar o deporte a todo o territorio e aos diferentes segmentos de idade, convertendo a práctica do baloncesto nun evento de carácter lúdico e social.

O presidente do club, Primitivo Reguera, e o director técnico, Arturo Ferraces, presentaron hoxe o programa acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. E fixérono na pista da Praza do Concello, que será un dos escenarios desta edición. Este é o calendario:

  • CARBALLO, mércores 22 de decembro ás 16.00 horas  (pistas deportivas da Praza do Concello) con equipos da categoría benxamín
  • BÉRTOA, martes 28 de decembro ás 16.00 horas (pistas deportivas do colexio de Mirón - detrás da igrexa) con equipos da categoría alevín.

A Escola Basket Xiria concentra a actividade na época do Nadal para facilitar a participación. “Todas as persoas asistentes, maiores e máis novas, poderán desfrutar e participar de xeito activo, sempre respectando as normas e medidas preventivas de saúde, sendo un feito positivo neste senso que a actividade se realice ó aire libre”, destacaron os representantes do club.

O obxectivo da actividade é múltiple: favorecer a práctica deportiva, fomentar os hábitos de vida saudables, poñer en valor os recursos existentes en distintos puntos do municipio e fomentar o contacto interxeracional. Nese sentido, tanto o concelleiro de Deporte coma o alcalde salientaron a iniciativa da Escola Basket Xiria, que acada xa a súa cuarta edición, polo que supón de achegamento do deporte a toda a sociedade e de visibilización das instalacións deportivas que están a disposición de toda a veciñanza nas diferentes parroquias.

Compartir: