Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O CARBALLÉS FRANCISCO GARCÍA BELLO SERÁ HOMENAXEADO O LUNS

Carballo participa nos Xogos do Eixo Atlántico coa súa delegación máis numerosa

46 deportistas representarán ao noso concello do 4 ao 8 de xullo na cidade portuguesa de Maia

Sábado 2 de xullo do 2022

Entre as grandes citas deportivas que regresan tras a pandemia están os Xogos do Eixo Atlántico, un evento transfronteirizo único en Europa que ten como obxectivos a promoción do deporte, a convivencia entre a mocidade e tamén un mellor coñecemento entre cidadáns das dúas rexións. Esta 14ª edición, que se celebrará do 4 ao 8 de xullo na cidade portuguesa de Maia, será a que contará coa maior participación da historia, e Carballo tamén terá algo que ver, porque acudimos cun total de 46 deportistas.

Será a delegación carballesa máis participativa e coa representación máis completa da realidade deportiva local: atletismo feminino e masculino, baloncesto masculino, fútbol masculino, natación masculina e feminina e voleibol feminino. Xunto á ampla canteira deportiva, que se artella a través das entidades AD Fogar da Xuventude, Club Baloncesto Artai, Escola Basket Xiria, Asociación Deportiva Xiria e Sociedade Deportiva Sofán, viaxarán a Portugal 8 delegados e adestradores. Á fronte da expedición estará o técnico de Deportes Manolo Varela Bardanca, que, ademais, integrarase no Secretariado Executivo de Deporte do Eixo Atlántico, na comisión organizadora dos xogos e no comité de competición de modalidades colectivas.

Francisco García Bello, que se xubilou o ano pasado, será homenaxeado o luns 4 nos Xogos do Eixo Atlántico

Francisco García Bello, que se xubilou o ano pasado, será homenaxeado o luns 4 nos Xogos do Eixo Atlántico

Manolo Varela Bardanca releva como representante do Concello de Carballo a Francisco García Bello, ex xerente de Carballo Deporte, que se xubilou o ano pasado e que, precisamente, será homenaxeado o luns 4 na cerimonia de apertura dos Xogos.

O acto inaugural está previsto para as 16.00 horas, e incluirá un desfile dos 2.400 integrantes das delegacións participantes. As 28 cidades do Eixo Atlántico representadas en Maia serán, ademais da anfitrioa, Matosinhos, Gondomar, Bragança, Famalicão, V.N. de Gaia, Vila Real, Peso dá Régua, Valongo, Braga, Barcelos, Viana do Castelo, Santa Maria dá Feira, Amarante, Guimarães, Póvoa de Varzim, Lugo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Monforte de Lemos, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Sarria, Santiago de Compostela, Vigo e Carballo.

Descargas

Compartir: