Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Avalancha de inscricións para o Torneo Foliada de Volei Praia, que contará con parellas do máis alto nivel

A Asociación Deportiva e Cultural Voleipraia Costa da Morte tivo que pechar en só seis días as inscricións nas categorías sénior masculina e mixta

Xoves 21 de xullo do 2022

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Cristian Rancaño e Rosalino Mariño

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Cristian Rancaño e Rosalino Mariño

Con 22 parellas en sénior masculino e 20 en sénior mixto, a Asociación Deportiva e Cultural Voleipraia Costa da Morte viuse obrigada a pechar este mércores as inscricións nesas dúas categorías para o Torneo Foliada, que este domingo volverá converter a praia de Razo no escenario dunha competición que non só foi gañando popularidade e prestixio ao longo das 13 edicións anteriores, senón que se converteu nunha cancha na que queren estar os e as mellores.

Este ano, como explicaron os representantes da entidade organizadora Rosalino Mariño e Cristian Rancaño na presentación do torneo, haberá moito nivel. Ademais de recibir a parellas de toda Galicia e do País Vasco, o Torneo Foliada contará con representación p grazas á participación da parella formada polo arxentino Fernando David Guiñazú e a croata Tea Andric, campioa de Islandia a pasada temporada. “É un privilexio contar con eles”, manifestou Rosalino Mariño.

Pero o nivel non vén só de fóra, senón que cada vez hai máis nivel tamén no noso concello. De feito, como destacou Rosalino Mariño, “no grupo masculino hai 5 cabezas de serie que son de Carballo. Estamos moi orgullosos, tanto dos adultos coma da canteira, porque a evolución técnica é moi boa”. E tamén aumenta a participación nas actividades de voleibol en xeral, o que permitiu crear esta temporada en Carballo equipos masculinos sub-13 e sub-17, apuntou Cristian Rancaño.

Os representantes da Asociación Deportiva e Cultural Voleipraia Costa da Morte estiveron acompañados polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e polo alcalde, Evencio Ferrero, que felicitou ao club pola proxección do torneo, destacou a importancia de que o público responda en tan alta medida ao esforzo realizado pola organización e subliñou as “excelentes condicións” da zona da explanada de Razo para a práctica do volei praia.

O Torneo Foliada celebrarase este domingo 24. Pero se queres xogar ao volei praia en Razo podes facelo a diario nas pistas da explanada, dispoñibles para o público de luns a domingo, 16.00 a 20.00 horas, ata o 31 de agosto. E ademais volven as escolas de volei para todas as idades, de 17.00 a 18.00 horas. Máis info e inscricións, en www.facebook.com/volei.razo e no teléfono 606 400 858.

Compartir: