Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

IV CHALLENGE JUNIOR CARBALLO

Volve o ciclismo a Carballo cunha proba de alto nivel para categorías de formación

Venres 19 de agosto do 2022

O Club Ciclista Carballo – Vázquez y Reino organiza, en colaboración co Concello de Carballo, e co apoio da Federación Galega de Ciclismo, a cuarta edición da Challenge Junior Carballo, unha proba que iniciou a súa andaina no 2018 e que tras a suspensión no 2020 por mor da pandemia non deixa de medrar. Esta edición recupera o tempo perdido con máis xornadas e moitos máis participantes. Presentárona a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanesa Loureiro; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o alcalde, Evencio Ferrero.

A pesar de manter o número de etapas (3), estas pasarán de celebrarse en dous días a facelo en tres. Este é o calendario para os 130 corredores/as de toda a península que percorrerán as nosas estradas e dos concellos veciños: venres 26 pola tarde en Razo, sábado pola tarde en Carballo e domingo con saída en Carballo e final en Pedra do Sal.

Aos 130 corredores hai que sumar os máis de 40 técnicos que visitarán a nosa vila, o persoal que colabora na seguridade como Moto enlace, comité arbitral, persoal da Federación, etc...  que suman preto de 200 persoas que pern octaran na nosa vila e limítrofes durante varios días. A eles temos que sumar todos aqueles familiares que acompañan aos ciclistas e afeccionados ao ciclismo que xa teñen a Challenge junior Carballo como unha das probas referente no calendario galego e nacional e que encherán as rúas ao paso do pelotón desfrutando do ciclismo mais tamén das nosas paisaxes e da nosa gastronomía.

Etapas

  • Venres 26 de agosto. Contrarreloxo individual con saída na Praia de Razo e meta en Monteneme. 3 km contra o reloxo nunha subida que xa é un clásico no calendario e que determinará o primeiro líder da proba. Horario 19:30-21:00
  • Sábado 27 de agosto. Etapa en liña que percorre o circuíto tradicional das probas organizadas polo CC Carballo, visitando Coristanco e Rus e co alto da Agualada e da Pifaína como claves para determinar o vencedor da etapa, na que o traballo dos equipos será determinante. Horario 16:30 – 19:30. 106 km. Categoría nacional.
  • Domingo 28 de agosto. Etapa en liña con saída en Carballo, e que tras percorrer parte dos concellos de Malpica e Ponteceso visita a costa carballesa, con varios pasos polas parroquias de Oza, Razo, Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela que pola súa dureza determinarán o vencedor final da Challenge. Horario 9:30 – 12:00. 95 km. Categoría Nacional.

A Challenge Júnior Carballo aumenta a súa participación, pasando de preto de 90 corredores en 2021 aos 130 deste ano, con 14 equipos de fóra da nosa comunidade que chegan dende Córdoba, Talavera, Castela León, Cantabria, Asturias e Portugal ademais da totalidade de equipos galegos júnior.

Ao disputarse en formato Challenge, todos os ciclistas poderán tomar a saída en cada unha das etapas, favorecendo a posibilidade de continuar a súa formación a aqueles corredores que non consigan rematar algunha das etapas. Cada día entregaranse trofeos aos 3 primeiros clasificados do día e ao mellor nas Metas voantes e Premio da Montaña.

Ademais haberá unha clasificación xeral individual, de Metas Voantes, de Premio da Montaña e de Júnior de primeiro ano aos que se imporá un maillot distintivo ao final de cada etapa. O maillot azul de mellor júnior de primeiro ano ó igual que o trofeo ao mellor equipo ó final da Challenge está patrocinado por Garaysa.

Como todas as probas que se disputan na vía pública o paso do pelotón conlevará cortes puntuais do tráfico rodado que será sinalizado con antelación por parte da organización, que conta co apoio de Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil dos concellos de Carballo, Coristanco, Malpica e Ponteceso e coa colaboración de máis de 40 voluntarios para garantir a seguridade dos ciclistas ademais de persoal de moto enlace, contabilizando preto de 100 persoas que formarán o dispositivo de seguridade da proba durante os tres días.

Compartir: