Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Representantes do deporte carballés participaron no Seminario de intercambio de experiencias do Eixo Atlántico

O concelleiro Marcos Trigo encabeza a delegación que se desprazou ata a localidade portuguesa de Bragança

Xoves 20 de outubro do 2022

O deporte inclusivo foi o tema central do Seminario de intercambio de experiencias no ámbito deportivo, unha cita bianual promovida polo Eixo Atlántico para intentar dar resposta de maneira coordinada aos retos que van xurdindo nas diferentes áreas da xestión política, neste caso na deportiva.

O Concello de Carballo estivo representado no seminario, que se celebrou na cidade portuguesa de Bragança, polo concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; os técnicos municipais Manuel Varela Bardanca e Fran Díaz del Valle; o presidente da Escola Basket Xiria, Primitivo Xurxo Reguera, e, dado que o tema central do seminario foi o deporte adaptado, tamén participou o presidente da agrupación Un paso máis, Manuel Cantelar.

Aínda que o seminario comezou o mércores (podes descargar o programa máis abaixo), a delegación carballesa incorporouse o xoves para asistir aos relatorios e mesas redondas que se veñen sucedendo dende primeira hora da mañá, e nas que Manuel Cantelar tivo a oportunidade de reencontrarse con Pedro Bártolo, antigo compañeiro da súa etapa como xogador de baloncesto en cadeira de rodas e que participou como relator para presentar o proxecto que está a desenvolver en Vila Nova de Gaia para a práctica deste deporte.

O Concello de Carballo leva 15 anos adherido ao Eixo Atlántico, unha rede integrada por cidades de Galicia e do norte de Portugal que traballa nos ámbitos do desenvolvemento sostible, o deporte, o turismo, a planificación urbana, o transporte e o desenvolvemento social. Precisamente o noso concello será escenario o día 27 deste mes dunha xuntanza do grupo temático de política social.

Descargas

Compartir: