Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

DO 3 AO 11 DE DECEMBRO

Máis de cen parellas participan no torneo solidario de pádel Concello de Carballo, que acada a súa oitava edición

A recadación irá destinada á Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia

Venres 2 de decembro do 2022

Manuel Pallas, Jenny Rodríguez, Maica Ures e Marcos Trigo

Manuel Pallas, Jenny Rodríguez, Maica Ures e Marcos Trigo

O torneo solidario de pádel Concello de Carballo, organizado por Miclub Pádel a beneficio de Asanog, cumpre oito anos. Ao longo deste tempo foi indo a máis en todos os sentidos, tanto en canto á participación coma en categorías ou en colaboración, e este ano agardamos bater un novo récord.

Hoxe presentamos o cartel nun acto no que participaron o presidente de Miclub, Manuel Pallas; a coordinadora da Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia (Asanog), Jenny Rodríguez; a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

O éxito de participación xa é un feito. Nesta edición, que arrincará este sábado 3 e rematará o domingo 11 coas finais, están anotadas 102 parellas. Como vén sendo habitual, haberá tres categorías: masculina (1ª, 2ª, 3ª e 4ª), feminina (1ª, 2ª e 3ª) e mixta (1ª, 2ª e 3ª), pero nesta última, dada a demanda, tamén se habilitou a última hora unha categoría de iniciación. En total, indicou Manuel Pallas, disputaranse máis de 400 partidos. O xuíz árbitro será Marcos Fernández Pena. E de cara á vindeira edición xa se está traballando na inclusión dunha nova categoría: pais/nais e fillos/fillas.

No torneo solidario de pádel pode colaborar todo o mundo a través dunha fila cero na conta ES61 2100 1453 2102 0025 9900

Os concelleiros das dúas áreas municipais implicadas na organización do torneo reiteraron o apoio do Concello de Carballo a esta iniciativa de Miclub Pádel, e destacaron a importancia de celebrala nesta época do ano, que para moitas familias “é unha época moi difícil”.

Nese sentido, Jenny Rodríguez agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e de Miclub apoiando os servizos que presta Asanog ás familias dos nenos e nenas oncolóxicos. “Hai programas que son prioritarios, como a profe na aula, porque para os nenos hospitalizados é unha liberación, pero a nosa idea é seguir crecendo e axudando cada vez a máis familias, porque hai bastantes familias en situación de vulnerabilidade”, manifestou.

Ademais desas 102 parellas participantes, no torneo solidario de pádel pode colaborar todo o mundo a través dunha fila cero na conta de La Caixa ES61 2100 1453 2102 0025 9900.

Compartir: