Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN

Volve a 10K a Carballo, que nesta edición tamén é a sede do Campionato de Galicia de 10k en ruta

Por primeira vez haberá unha carreira popular de 5 quilómetros e ademais fomentarase a integración das persoas con discapacidade

Martes 18 de abril do 2023

Carballo acollerá o domingo 4 de xuño a 11ª edición da carreira popular 10K, un evento deportivo multitudinario que organizamos dende o departamento de Deporte, e no que contamos coa colaboración da práctica totalidade das entidades deportivas locais, e especialmente da AD Fogar como club adscrito á Federación Galega de Atletismo. O prazo de inscrición xa está aberto.

Tanto a federación coma a AD Fogar estiveron representadas polos seus presidentes, Iván Sanmartín e Gustavo Álvarez, respectivamente, na presentación da proba, á que tamén asistiron o presidente da AD Media Ducia, José García Gesto, e outros membros da agrupación que impulsou, xunto coa Concellaría de Deporte, a celebración da primeira 10K, hai xa 13 anos. Con eles estiveron o técnico de deportes, Manuel Varela Bardanca; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.

A carreira popular de Carballo celebrará a súa 11ª edición con varias novidades "destinadas tanto a incrementar o nivel deportivo da proba como a favorecer a participación do maior número de persoas", explicou Bardanca. Neste sentido destacou o traballo que se está a facer para favorecer a integración de persoas con discapacidade. Por primeira vez, celebrarase unha proba de 5 quilómetros ademais do circuíto de 10 quilómetros. E, simultaneamente, disputarase o Campionato de Galicia de 10K en ruta, “polo que este ano coñeceranse en Carballo a campioa e o campión galegos de 10.000 metros en ruta”, engadiu o técnico de deportes.

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Iván Sanmartín

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Iván Sanmartín

O presidente da federación destacou o apoio do Concello de Carballo ao deporte en xeral e ao atletismo en particular. “Están saíndo deste concello campións de España, e non é froito da casualidade, senón do apoio que se lle está dando ao atletismo”, asegurou. Iván Sanmartín destacou que a introdución da proba de 5 quilómetros permitirá ampliar a participación “a atletas de nivel que queiran establecer a súa marca nesa distancia e aos que lles guste tamén o medio fondo e non tanto a longa distancia”, do mesmo xeito que a celebración do Campionato de Galicia será un atractivo engadido para corredores e corredoras de toda a comunidade.

Iván Sanmartín é bo coñecedor do circuíto de Carballo, no que acadou a súa marca persoal, e “a verdade é que me encanta”, dixo. “Penso que por parte do concello se está a poñer toda a carne no asador para que esta proba teña unha relevancia a nivel galego, e o único que falta é que os deportistas aposten por esta carreira”, rematou. O concelleiro de Deporte puxo en valor o traballo do seu departamento e das entidades que colaboran na carreira. Marcos Trigo aludiu tamén ao cartel, deseñado este ano polo artista carballés Andrés Urbieta, ao que felicitou polo traballo realizado, e convidou á veciñanza a sumarse a esta “festa do deporte que é a 10K de Carballo”.

Evencio Ferrero apuntou a ese respecto que a 10K abrirá o mes grande de Carballo, no que se celebran as festas de San Xoán, e manifestou o seu desexo de que a celebración do campionato galego “sexa un revulsivo para que moitos atletas se animen a participar. Penso que se dan todos os ingredientes para que así sexa”.

Ligazóns

Descargas

Compartir: