Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O Torneo Internacional Concello de Carballo reunirá do 9 ao 11 de xuño ás mellores canteiras de fútbol

Representantes das Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, a Federación Galega de Fútbol e o Concello de Carballo presentaron a competición

Venres 12 de maio do 2023

Manuel Varela Bardanca, Jesús Capelán, Rafael Louzán, Evencio Ferrero, Chano Calvo e Marcos Trigo

Manuel Varela Bardanca, Jesús Capelán, Rafael Louzán, Evencio Ferrero, Chano Calvo e Marcos Trigo

No mes do San Xoán volve tamén o Torneo Internacional sub-12 Concello de Carballo, unha competición de referencia a nivel nacional e internacional que nesta 17ª edición reunirá ás canteiras de Real Madrid, Athletic Club de Bilbao, RC Celta, RC Deportivo, CD Lugo, Pabellón Ourense, FC Oporto e Escolas Luis Calvo Sanz. En total, nove equipos, dous deles carballeses, nunha edición especial porque tamén vai servir para render homenaxe ao Bergantiños no seu centenario.

A casa do concello foi este venres o escenario da presentación do torneo, á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o técnico municipal Manuel Varela Bardanca; o presidente do club anfitrión, Chano Calvo; o vicepresidente das Escolas Luis Calvo, Jesús Capelán, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, quen destacou o traballo que se está a facer dende o Bergantiños, “que é un dos primeiros dos máis de 5.000 equipos que hai en Galicia en número de licenzas”.

Ao “traballo exemplar” que desenvolve o Bergantiños tamén se referiron o concelleiro de Deporte e o alcalde, quen asegurou que dende o Concello de Carballo continuarase a prestar todo o apoio posible para que as expectativas do club se fagan realidade.

O Torneo Internacional Concello de Carballo disputarase do 9 ao 11 de xuño. O club local estará representado por dous equipos, o Bergantiños 100, que levará esta denominación coma homenaxe ao centenario do club, e o equipo gañador do torneo de fútbol 11 alevín Conservas Calvo que se está disputando agora. A competición desenvolverase en formato de liguilla, comentou Jesús Capelán.

Compartir: