Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Carballo acolle por primeira vez un torneo maxistral de xadrez coa participación de dez grandes mestres internacionais

O Aberto de Xadrez Clásico, que se disputará simultaneamente, chega á súa sexta edición cunha cifra récord de participación

Mércores 16 de agosto do 2023

A planta alta do mercado municipal acollerá do 25 de agosto ao 1 de setembro o VI Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo, valedoiro para ELO internacional e nacional, no que, tras o éxito da pasada edición, volverá a utilizarse o formato suízo a nove roldas. O presidente do club O Toque Xiria, Javier Teixeira, xunto cos seus compañeiros Óscar de Prado e Laureano Faya; o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, presentaron hoxe o torneo, que baterá un récord de participación. Ata hoxe estaban confirmados máis de oitenta participantes, polo que se agarda que a cifra final acade o centenar.

O xadrez chegará por partida dobre a Carballo neste 2023, porque ademais do aberto, do que podedes atopar toda a información nesta ligazón, do 21 ao 26 de agosto tamén se celebrará o I Torneo Maxistral O Toque Xiria, coa participación de dez grandes mestres internacionais: Neuris Delgado Martínez (Paraguai), Aleksa Strikovic (Serbia), Vladimir Petkov (Bulgaria), Lennis Martínez Ramírez (Cuba), Roberto Carlos Gómez Ledo (Cuba), José Francisco RP Neves Veiga (Portugal), Enrique Tejedor Fuentes (Cantabria) e os galegos Diego Cacheiro Blanco, Xulio del Prado Rodríguez e Rafael Rodríguez López. Toda a información sobre o torneo maxistral, que poderá seguirse en streaming a través de Internet, aquí.

No acto de hoxe tamén participou o xovencísimo Xoel Faya, que foi a man inocente encargada de realizar o sorteo entre os participantes no torneo maxistral.

Pero ademais destes dous importantes torneos, O Toque Xiria quere sacar o xadrez á rúa. Por iso, tras a expectación que espertou o ano pasado a presenza do campión mundial Gukesh D, este ano agarda repetir a exhibición de partidas simultáneas na Praza do Concello. Ademais, coa colaboración da Concellaría de Deportes, de cara ao vindeiro ano está prevista a instalación de taboleiros de xadrez na rúa, entre outras actividades de promoción deste deporte.

Podedes ver e escoitar o acto de presentación no seguinte vídeo.

Vídeos

Compartir: