Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

A praia de Razo, capital do surf europeo júnior

Catro días de competición ao máis alto nivel para coroar o domingo ao mellor e á mellor surfeiros sub 21

Xoves 21 de setembro do 2023

Esta mañá tiña lugar ao pé da praia de Razo (Carballo) a presentación oficial do Cabreiroá Júnior Pro Razo-Caión, un evento da World Surf League (WSL) que supón o campionato máis importante para os mozos e mozas surfeiros europeos por dúas razóns: é a única parada en España e pecha o circuíto en Europa onde se coroan os campións júnior en categoría masculina e feminina, e a última oportunidade de clasificarse para as series mundiais. Case nada.

A competición da WSL celébrase por primeira vez na Costa da Morte, que aspira a converterse en Reserva Mundial de Surf da man da ONG Save The Waves Coalition, co impulso da Deputación da Coruña e da Axencia de Turismo de Galicia. Por diante, os 150 rapaces (96 mozos e 39 mozas) teñen catro días de competición (do 20 ao 24 de setembro) ao máis alto nivel cunha condicións de mar excelentes -ondas longas, constantes e maniobrables- no mellor escaparate para a promoción turística da comarca, nun evento que vai máis aló do surf e que se retransmite en directo para todo o planeta a través da web www.classicsurfpro.com

O surfeiro galego Gony Zubizarreta exerceu hoxe de mestre de cerimonias desde a praia de Razo, "á que lle teño moitísimo agarimo desde que vin por primeira vez con 11 anos", confesou, antes de cederlle a palabra ao director do evento, Yago Barreto.

"Este é o segundo da WSL que se celebra en España, despois de Pantín (Valdoviño)”, subliñou Barreto, para poñer o foco en Galicia, na costa coruñesa como referencia do surf no Estado. "Non sería posible sen esta sinerxia que creamos entre Administracións Públicas, patrocionadores privados e o Club Praia de Pantin, xunto aos patrocionadores”, proclamou. Barreto agradeceu "a especial implicación" de Xosé Regueira, á fronte de Turismo na Deputación Provincial, xunto da Axencia de Turismo de Galicia, os concellos de Carballo e A Laracha, Deporte Galego e a Federación Galega de Surf.

"Levou tempo pero estou seguro de que esta semente en Razo irase consolidando e serán referente na WSL como xa o é Pantín", engadiu Barreto. Ao seu lado, Rob Gunning, representante da WSL, destacou a "importancia dun evento que é o último do calendario e onde se van a coroar os campións europeos".

Na presentación oficial participaron, ademais, Gonzalo Trenor, delegado da Xunta, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que exerceu de anfitrión;  "Xa veredes as ondas que temos en Razo’", chanceou o rexedor, xunto ao seu concelleiro e vicepresidente da Deputación coruñesa, Xosé Regueira, e Koke Araujo, da Federación Galega de Surf.

"Que Razo sexa a capital do surf é importante e é un foco de atracción para descubrir esta esquina de Galicia e as súas excelentes condicións para o deporte", manifestou o delegado do Goberno galego.  Sinalou que as Administracións públicas non poden estar á marxe dun evento que é igualitario, fomenta o deporte desde a base e pon en valor o potencial e a riqueza da comarca.

Desde a organización, por último, agradeceron moi especialmente o papel e o apoio "desde hai moitos anos" de Hijos de Rivera (Estrella Galicia e Cabreiroá), representado por Manuel Eiroa, ademais de Gadis, que estivo presente co seu director de comunicación, José Luis Fernández Astray, Vithas, Xoiería Jael e Intermax.

Compartir: