Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O espectáculo está servido no Festival de Nadal de patinaxe artística, que reunirá este domingo a 120 patinadoras

O club Escola Lubiáns triplicou en só cinco anos o número de deportistas da sección de patinaxe

Mércores 13 de decembro do 2023

No ano 2018, a sección de patinaxe do club Escola Lubiáns estaba formada por 42 nenas de idades comprendidas entre os catro e os trece anos. Cinco anos despois son o triplo, e, deste xeito, este domingo contaremos con 120 participantes de catro a dezaoito anos no Festival de Nadal de patinaxe artística, que, sen dúbida, será un gran espectáculo. O pavillón Carballo Calero abrirá as súas portas ás 18.30 para que toda a veciñanza poida sumarse á gran festa da patinaxe artística.

A vicepresidenta do club, Beatriz Gracia, e os xogadores Manuel Ruibal e Gonzalo Calivar, presentaron o cartel do Festival de Nadal acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, quen amosou a satisfacción do Concello de Carballo por poder colaborar nun evento xa consolidado e que cada ano vai a máis. “Cada vez hai máis nenas practicando patinaxe, o que demostra o bo estado da Escola Lubiáns, que cada vez atrae a máis xente”, comentou.

Os representantes do club agradeceron a colaboración do Concello e animaron a toda a cidadanía a achegarse o domingo ata o pavillón Carballo Calero.

Pola súa banda, o alcalde lembrou que neste 2023 celebramos o 40º aniversario da Escola Lubiáns, pero tamén os 40 anos de Xiria e os 100 do Bergantiños, tres probas evidentes da boa saúde do deporte carballés, que, insistiu, “é unha das grandes fortalezas de Carballo”.

Compartir: