Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Aquí tes o novo circuíto homologado da 10k Carballo para que empeces a preparar a gran carreira popular do 2 de xuño

O prazo de inscrición está aberto ata o 29 de maio

Xoves 16 de maio do 2024

Carballo acollerá o domingo 2 de xuño a 12ª edición da carreira popular 10K, un evento deportivo multitudinario que organizamos dende o departamento de Deporte, e no que contamos coa colaboración das entidades deportivas locais. O prazo de inscrición está aberto ata o 29 de maio e pode realizarse nesta ligazón.

Nesta edición 2024 existen modificacións no circuíto como consecuencia das obras de prevención do risco de inundación no río Anllóns e do plan de tráfico vixente. Deste xeito, o percorrido mantén gran parte do seu trazado pero elimínase parte da rúa Luís Calvo e da travesía de Fisterra, así coma as rúas do barrio da Milagrosa afectadas polo plan de tráfico implantado.

A saída e a meta estarán situadas nos seus emprazamentos habituais da rúas Gran Vía (Desiderio Varela para o 5K) e Colón, respectivamente, con lixeiras variacións impostas polo proceso de homologación do circuíto segundo as medicións dos técnicos da Federación Española de Atletismo.

Inclúense as rúas Vila de Ordes e Avenida de Bergantiños, que serán de ida e volta; a rúa Barcelona, na que se abandona o antigo trazado que proseguía pola Luís Calvo, para acceder á Praza Galicia, Martín Herrera e Rúa Sol e continuar pola rúa Oriente cara A Lagoa, e volver pola rúa San Xosé cara a Praza de Galicia e continuar polo percorrido xa coñecido para entrar á rúa Colón na mesma Praza do Concello.

Por segunda vez celebraremos a proba de 5 quilómetros, incluída este ano no Campionato de Galicia de 5K en ruta, co cal acudirán a Carballo os/as mellores atletas galegos/as da disciplina.

Os récords do anterior circuíto están en 30'28" e 34'31" para homes e mulleres, respectivamente. Este ano mantense o premio de 300,00 € para a mellora destas marcas e os premios económicos para as tres primeiras e primeiros clasificados e para a e o deportista local mais rápidos.

Compartir: