Deporte

Deporte

INSCRICIÓNS ABERTAS ATA O 29 DE MAIO

O 2 de xuño volve a 10K Carballo, con dúas carreiras homologadas de 5 e 10 quilómetros

Representantes do Concello, da Federación Galega de Atletismo e das entidades colaboradoras presentaron a 12ª edición da carreira popular

Martes 21 de maio do 2024

Carballo acollerá o domingo 2 de xuño a 12ª edición da 10K, un evento deportivo multitudinario que organizamos dende o departamento de Deporte, e no que contamos coa colaboración das entidades deportivas locais e da Federación Galega de Atletismo. Representantes de todas elas asistiron este martes á presentación oficial da proba, que este ano volve contar con dúas carreiras homologadas de 10 e 5 quilómetros, esta última incluída no Campionato de Galicia de 5K.

Manuel Varela Bardanca, técnico de deportes do Concello, destacou que, malia a coincidencia con outras carreiras importantes, a 10K Carballo está plenamente consolidada como un evento de referencia autonómica, e proba dilo é que o número de inscricións achégase xa ao milleiro. Especialmente relevante é a participación nas categorías menores, desde biberón ata sub 18, que superan as 600 inscricións.

O presidente da federación, Iván Sanmartín, ratificou as palabras de Varela Bardanca e asegurou que “a xente vai saír doente, porque hai varios atletas que queren facer as marcas mínimas para ir aos estatais”. Iván Sanmartín puxo en valor o traballo “fantástico” dos clubs e o “esforzo importante” que realiza o Concello de Carballo para a promoción do deporte, que, desde o seu punto de vista, é un “investimento en saúde e benestar físico e mental”.

O alcalde, pola súa banda, agradeceu o apoio e “a sensibilidade” da Federación Galega de Atletismo para que Carballo poida acoller este tipo de probas. “Para nós é un reto que as marcas que se consigan nesta carreira sexan valedoiras para o campionato de España”, asegurou Evencio Ferrero.

Xunto a eles estiveron o presidente da AD Fogar, Gustavo Álvarez, que agradeceu a dispoñibilidade do Concello de Carballo para facilitar a práctica do deporte, e dous representantes da AD Media Ducia, José García Gesto e Moncho Ríos, que cualificou a 10k como "unha festa".

Inscrición e circuítos

O prazo de inscrición na 10k Carballo está aberto ata o 29 de maio e pode realizarse nesta ligazón.

Nesta edición 2024 existen modificacións no circuíto como consecuencia das obras de prevención do risco de inundación no río Anllóns e do plan de tráfico vixente. Deste xeito, o percorrido mantén gran parte do seu trazado pero elimínase parte da rúa Luís Calvo e da travesía de Fisterra, así coma as rúas do barrio da Milagrosa afectadas polo plan de tráfico implantado.

A saída e a meta estarán situadas nos seus emprazamentos habituais da rúas Gran Vía (Desiderio Varela para o 5K) e Colón, respectivamente, con lixeiras variacións impostas polo proceso de homologación do circuíto segundo as medicións dos técnicos da Federación Española de Atletismo.

Inclúense as rúas Vila de Ordes e Avenida de Bergantiños, que serán de ida e volta; a rúa Barcelona, na que se abandona o antigo trazado que proseguía pola Luís Calvo, para acceder á Praza Galicia, Martín Herrera e Rúa Sol e continuar pola rúa Oriente cara A Lagoa, e volver pola rúa San Xosé cara a Praza de Galicia e continuar polo percorrido xa coñecido para entrar á rúa Colón na mesma Praza do Concello.

Por segunda vez celebraremos a proba de 5 quilómetros, incluída este ano no Campionato de Galicia de 5K en ruta, co cal acudirán a Carballo os/as mellores atletas galegos/as da disciplina.

Os récords do anterior circuíto están en 30'28" e 34'31" para homes e mulleres, respectivamente. Este ano mantense o premio de 300,00 € para a mellora destas marcas e os premios económicos para as tres primeiras e primeiros clasificados e para a e o deportista local máis rápidos.

Compartir: