Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Unha marea verde inundou Carballo para celebrar o 40º aniversario da Asociación Deportiva Xiria

Sábado 15 de xuño do 2024

O 14 de xuño foi día de festa en Carballo, porque ademais de ter o San Xoán á volta da esquina, celebramos o 40º aniversario dunha das entidades emblemáticas do noso concello: a Asociación Deportiva Xiria. 

Centos de deportistas das catro seccións actuais, Balonman XiriaEscola Basket XiriaClub Xadrez O Toque Xiria Carballo e Xiria Volei, acompañados polo pasarrúas circense de Totem Gestión Creativa del Tiempo, formaron unha gran marea verde que inundou as rúas de Carballo desde a Biblioteca Rego da Balsa ata a Praza do Concello, onde participaron nunha festa moi especial!

Os xornalistas Mónica Martínez e Alfonso Hermida conduciron o acto, no que, despois de asinar no Libro de Honra do Deporte Carballés, interviron os tres presidentes que tivo Xiria ao longo destes corenta anos, Gema Paz Bello, Carlos Puga Trigás e Luciano Calvo Pumpido. Tamén falou, no nome das catro seccións actuais do club, Rosalino Mariño, e pechou as intervencións o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que foi no seu día un dos fundadores da entidade e que se amosou especialmente orgulloso do potencial deportivo que ten o noso concello. 

O concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, fixo entrega a cada un dos representantes de Xiria dunha camiseta conmemorativa deste 40º aniversario e o alcalde agasallou á entidade cun fermosísimo cadro do artista local Tucho, titulado Fogar do deporte, que representa a historia do voleibol, o baloncesto, o balonmán e o xadrez no noso concello. A música da dj Sara Pose, deportista, ademais, ligada a Xiria, pechou unha noite máxica. Grazas a todas e todos por facela posible!

Compartir: