Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

DO 30 DE XUÑO AO 5 DE XULLO

Carballo participa nos Xogos do Eixo Atlántico coa delegación máis numerosa da historia

63 deportistas representan ao noso concello na competición, que este ano celébrase no distrito de Braga (Portugal)

Luns 1 de xullo do 2024

Participantes nos Xogos do Eixo 2024

Participantes nos Xogos do Eixo 2024

Xa están en marcha os Xogos do Eixo Atlántico, un evento transfronteirizo único en Europa que se celebra con periodicidade bianual e que ten como obxectivos a promoción do deporte, a convivencia entre a mocidade e tamén un mellor coñecemento entre cidadáns das dúas rexións. Nesta edición, que se celebra do 30 de xuño ao 5 de xullo nas cidades portuguesas de Braga e Vila Nova de Famaliçao, Carballo conta coa delegación máis numerosa da historia, xa que acudimos cun total de 63 deportistas.

Á fronte da expedición carballesa está o técnico de Deportes Manolo Varela Bardanca

Á fronte da expedición carballesa está o técnico de Deportes Manolo Varela Bardanca

É a delegación carballesa máis participativa e unha ampla representación da realidade deportiva local: fútbol e voleibol femininos e fútbol, baloncesto e balonmán masculinos. Xunto á ampla canteira deportiva, que se artella a través das entidades AD Xiria, Club Baloncesto Artai, Escola Basket Xiria, Escolas Balonmán Xiria e Bergantiños FC, viaxaron a Portugal 5 adestradores e 5 delegados. Á fronte da expedición estará o técnico de Deportes Manolo Varela Bardanca, que tamén é membro do comité de competición dos Xogos e do secretariado executivo de deportes do Eixo Atlántico en representación do Concello de Carballo.

A expedición partiu de Carballo o domingo pola mañá. O concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, despediu aos participantes e desexoulles moita sorte na súa participación nestes Xogos do Eixo Atlántico, que poden seguirse nesta ligazón: https://www.famalicaodesportivo.pt/_xv_jogos_do_eixo_atlantico

Nesta 15ª edición dos Xogos do Eixo Atlántico participan 168 equipos, que agrupan a un total de 2.378 deportistas dos concellos galegos e portugueses integrados na asociación transfronteiriza. A organización dos xogos é competencia e responsabilidade do Eixo Atlántico e nesta edición, dos municipios de Braga e Vila Nova de Famaliçao, onde se desenvolven. O Concello de Carballo vén participando  en todas as edicións desde o ano 2009.

Compartir: