Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

A Federación Galega de Deporte Autóctono celebra en Carballo o Campionato de Seleccións de Billarda e Chave

Os mellores equipos de cada unha das modalidades deportivas daranse cita o sábado a partir das 16.30 horas na Praza do Concello

Xoves 18 de xullo do 2024

Xosé Collazo, Daniel Pérez, Evencio Ferrero, Antonio Varela e David Castelo

Xosé Collazo, Daniel Pérez, Evencio Ferrero, Antonio Varela e David Castelo

A Federación Galega de Deporte Autóctono celebra este sábado na Praza do Concello o Campionato de Seleccións, “que é como o mundial do que nós facemos, porque é a nivel autonómico, non hai nada nin a nivel nacional nin de billarda nin de chave”, explica David Castelo, secretario da federación e responsable da modalidade de chave.

Con el estiveron o presidente da federación, o carballés Antonio Varela, e o representante da billarda, Xosé Collazo, así coma o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, e o alcalde, Evencio Ferrero, en representación do Concello de Carballo, unha das administracións que apoia o campionato xunto coa Xunta de Galicia.

“En Carballo vai estar o mellor do mellor”, asegurou David Castelo, polo que o espectáculo está garantido. Ás 16.30 horas arrincará a competición de billarda, na que se enfrontarán as seleccións Norte e Sur de Galicia, e unha hora máis tarde, ás 17.30, será a quenda da chave. O mellor equipo galego sairá do enfrontamento entre a selección de Arteixo e a selección da propia federación, “formada –explicou David Castelo- por xogadores de concellos que non teñen suficientes xogadores para facer unha selección”. Algo que, por certo, non pasa no noso, onde hai catro clubs de chave: Artesanías Padín de Carballo, Peña Bértoa, Teleclub Verdillo e Fergo de Cances.

O alcalde e o concelleiro de Deportes agradeceron a elección de Carballo como sede deste gran espectáculo do deporte autóctono e animaron tanto á veciñanza como a quen nos visita a achegarse ata a Praza do Concello para gozar dunha experiencia única.

Compartir: