Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O Concello de Carballo inviste máis de 1,5 millóns de euros na mellora das instalacións deportivas

Nestes momentos están en marcha tres importantes obras no complexo deportivo das Eiroas, no campo de fútbol do Carral e no pavillón Carballo Calero

Venres 9 de agosto do 2024

Daniel Pérez e Evencio Ferrero, nas obras do novo campo de fútbol 8

Daniel Pérez e Evencio Ferrero, nas obras do novo campo de fútbol 8

O Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos tres grandes obras noutras tantas instalacións deportivas municipais, nas que estamos a realizar un investimento que supera o millón e medio de euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, realizaron un completo percorrido para ver o estado das actuacións.

Por unha banda, no complexo deportivo das Eiroas avanza a construción do terceiro campo de céspede artificial, que pretende satisfacer a elevada demanda existente. As obras permitirán habilitar un novo campo de fútbol 8, que quedará unido aos existentes para poder aproveitar os edificios e servizos cos que conta o complexo.

O campo principal das Eiroas volverá a estar operativo o luns 12

O campo principal das Eiroas volverá a estar operativo o luns 12

Dentro do mesmo proxecto incluíuse a substitución do céspede do campo de fútbol principal, que sufría un gran desgaste debido ao gran uso que ten, e porque ademais, segundo as bases reguladoras de normas de competición da Segunda RFEF, na que xogará o Bergantiños a próxima tempada, os partidos deben disputarse “nun terreo de xogo de herba natural ou artificial de última xeración, cunha antigüidade máxima de oito anos”, que son os que tiña o céspede das Eiroas. O novo céspede xa está listo e este luns 12 de agosto poderá retomarse a actividade deportiva.

Tamén se realizará a substitución do céspede no campo anexo. Deste xeito, os tres campos do complexo deportivo estarán nas mellores condicións para a práctica deportiva e adaptaranse á normativa da Federación de Fútbol. O investimento total achégase aos 800.000 euros.

Novo graderío no Carral

Evencio Ferrero visitou as obras do Carral con Juan Seoane e Maruxa Suárez

Evencio Ferrero visitou as obras do Carral con Juan Seoane e Maruxa Suárez

Tamén está en obras o campo de fútbol do Carral, en Sofán. O proxecto non afecta ao terreo de xogo, no que se renovou o céspede no ano 2018, senón que neste caso consiste na construción dun novo graderío, con máis capacidade e espazos anexos debaixo, en concreto zonas de lavandería e ximnasio. Tamén se constrúe un soto, que polo momento queda sen acondicionar. O investimento acada os 300.000 euros.

Pavillón Carballo Calero

O pavillón Carballo Calero terá novo pavimento e unha valla abatible

O pavillón Carballo Calero terá novo pavimento e unha valla abatible

No pavillón polideportivo Carballo Calero tamén se está a realizar un investimento próximo aos 300.000 euros co obxectivo de cambiar o pavimento de toda a superficie, que acada os 1.236 metros cadrados, e a instalación dunha valla en todo o perímetro. O pavillón disporá dun novo pavimento deportivo válido para adestramento e competición de baloncesto, fútbol sala, balonmán, bádminton ou voleibol, así coma para deportes sobre rodas, como patinaxe artística ou hóckey. Precisamente, para a práctica deste deporte, instalarase unha valla de protección fixa agás nun dos laterais, que contará cun sistema hidráulico que permitirá levantala e baixala segundo as necesidades.

Outras actuacións

No CEIP A Cristina estrearán pista polideportiva o próximo curso

No CEIP A Cristina estrearán pista polideportiva o próximo curso

Xunto a estes importantes investimentos, aproveitando o verán tamén se acometeu a reforma da pista polideportiva do CEIP Plurilingüe A Cristina, respondendo deste xeito a unha demanda da comunidade educativa. O investimento, asumido tamén polo Concello de Carballo, a través da Concellaría de Educación, supera os 40.000 euros. A pista conta agora cun novo pavimento, así coma con canastras de baloncesto e porterías novas.

Por outra banda, nestes momentos está en contratación o subministro, polo sistema de arrendamento, do equipamento para as salas fitness dos complexos deportivos Carballo Calero e Vila de Noia. O orzamento previsto para o período 2024-2028 supera os 200.000 euros.

Compartir: