Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

A VI Challenge Júnior Carballo reunirá durante tres días no noso concello a un cento de ciclistas de toda España

A presidenta e o vicepresidente do Club Ciclista Carballo e o alcalde presentaron a proba, que se disputará do 23 ao 25 deste mes

Martes 20 de agosto do 2024

Vanesa Loureiro, Evencio Ferrero e Juan Carlos Díaz del Valle

Vanesa Loureiro, Evencio Ferrero e Juan Carlos Díaz del Valle

Mañá coñecerase a listaxe definitiva de participantes, pero a día de hoxe xa son máis de cen os/as ciclistas inscritos/as para a VI Challenge Júnior Carballo, unha das grandes probas que organiza ao longo do ano o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, e que, como non podía ser doutro xeito, conta co apoio da Federación Galega de Ciclismo e do Concello.

A presidenta e o vicepresidente do club, Vanesa Loureiro e Juan Carlos Díaz del Valle, presentaron hoxe a competición acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, que cualificou ao Club Ciclista Carballo como unha entidade “exemplar” e puxo en valor o traballo que vén desenvolvendo ano tras ano. Tanto a presidenta como o vicepresidente agradeceron a colaboración municipal, así como da federación e de todo o voluntariado que se implica para facer posible esta gran cita do ciclismo júnior. Podedes escoitalos no vídeo que acompaña esta nova.

Este ano reuniranse en Carballo máis dun cento de ciclistas de 18 clubs, galegos na súa maioría, pero tamén de Castela e León, Castela-A Mancha, Cantabria, Asturias e mesmo Andalucía, porque o Team Grupo Serman é fiel á cita carballesa desde a súa primeira edición, e nesta ocasión repite con sete promesas do ciclismo español.

Tres etapas

A VI Challenge Júnior Carballo disputarase en tres etapas:

  • Venres 23 de agosto. Contrarreloxo individual con saída na Praia de Razo e meta en Monteneme. 3 km contra o reloxo nunha subida que xa é un clásico no calendario e que determinará o primeiro líder da proba. A saída está programada para as 19.30 horas.
  • Sábado 24 de agosto. Etapa de 106 quilómetros, con saída e chegada na avenida da Milagrosa de Carballo. Horario de 16:30 a 19:30. Proba de categoría nacional.
  • Domingo 25 de agosto. Etapa de 95 quilómetros con saída na rúa Carballo Calero Carballo e meta na Pedra do Sal, que percorre varios concellos e as parroquias do litoral carballés e que, pola súa dureza, adoita deteminar o vencedor final da Challenge. Horario de 9:30 a 12:00. Proba de categoría nacional.

Colaboradores e patrocinadores

Aos máis de cen corredores e corredoras hai que sumar os máis de 40 técnicos que visitarán a nosa vila, o persoal que colabora na seguridade como Motoenlace, comité arbitral, persoal da Federación, etc...  que suman preto de 200 persoas que estarán na zona durante varios días. A eles temos que sumar os familiares que acompañan aos ciclistas e afeccionados ao ciclismo que xa teñen a Challenge Júnior Carballo como unha das probas referente no calendario galego e nacional e que encherán as rúas ao paso do pelotón desfrutando do ciclismo mais tamén das nosas paisaxes e da nosa gastronomía.

A Challenge conta co apoio económico do Concello de Carballo e da Federación Galega de Ciclismo. Este ano o maillot azul de mellor corredor de primeiro ano, así como o trofeo ao mellor equipo, contan de novo coa colaboración da empresa Garaysa, e o maillot vermello de líder da montaña, co da Fundación Luis Calvo Sanz. A organización agradeceu tamén o apoio de Vázquez y Reino e Panadería Añón, que patrocinan as metas volantes da proba, e do resto das empresas colaboradoras.

Cortes de tráfico

Como en anos anteriores, o paso dos ciclistas suporá cortes de estradas que estarán sinalizados e avisados con antelación para prexudicar o menos posible a veciños e condutores. O Club Ciclista Carballo conta co apoio de Policía local e Protección Civil do Concello de Carballo e do resto dos concellos polos que transcorren as distintas etapas, ademais da Garda Civil de Tráfico.

Ligazóns

Vídeos

Compartir: