O novo campo de fútbol 8 do complexo deportivo das Eiroas xa está listo para a estrea
O alcalde asistiu ao acto de recepción da obra, que tamén incluíu a substitución do céspede dos campos principal e anexo
Domingo 8 de decembro do 2024
O alcalde, Evencio Ferrero, asistiu ao acto de recepción da obra do novo campo de fútbol 8 do complexo deportivo das Eiroas, que permitirá dar resposta a elevada demanda existente. Este terceiro campo está unido aos outros dous para poder aproveitar os edificios e servizos cos que conta o complexo.
Dentro do mesmo proxecto incluíuse a substitución do céspede do campo de fútbol principal, que sufría un gran desgaste debido ao gran uso que ten, e porque ademais, segundo as bases reguladoras de normas de competición da Segunda RFEF, na que xoga o Bergantiños esta tempada, os partidos deben disputarse “nun terreo de xogo de herba natural ou artificial de última xeración, cunha antigüidade máxima de oito anos”, que son os que tiña o céspede das Eiroas.
Tamén se realizou a substitución do céspede no campo anexo. Deste xeito, os tres campos do complexo deportivo están nas mellores condicións para a práctica deportiva e adaptaranse á normativa da Federación de Fútbol.
As obras foron executadas pola empresa Vázquez y Reino cun investimento total próximo aos 800.000 euros.