O salvamento e socorrismo volverá encher Carballo co Campionato galego de distancias curtas
140 deportistas de once clubs da comunidade autónoma compiten este sábado 8 de febreiro na piscina Carballo Calero
Xoves 6 de febreiro do 2025
Daniel Pérez, Evencio Ferrero, Nuria Rodríguez e Marcos Puñal
Unha semana despois da multitudinaria e exitosa Kids Spanish Cup - XXXIX Campionato de España infantil e cadete de inverno, Carballo é de novo referencia no salvamento e socorrismo, xa que este sábado 8 de febreiro dispútase no noso concello o Campionato galego de distancias curtas.
Marcos Puñal, presidente do Sysca; Nuria Rodríguez, presidenta da Fessga; Daniel Pérez, concelleiro de Deportes, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, presentaron a competición, na que participarán 140 deportistas de 11 clubs. Nadadores e nadadoras de Sada, A Estrada, Caldas de Reis, Vilagarcía, Ourense, Santa Comba, Arteixo, A Coruña, Cerceda, A Laracha e Carballo disputarán unha competición especial, na que, como explicou a presidenta da federación galega, as distancias redúcense á metade. O club anfitrión, Sysca, contará cunha ampla representación, xa que competirán 29 deportistas.
Nuria Rodríguez indicou que volverán utilizarse, como a semana pasada, o crono electrónico e unha grada supletoria para dar cabida a máis afeccionados e afeccionadas. Pero a presidenta da federación galega destacou especialmente a ampla participación feminina, xa que, segundo indicou, “máis do 50% das deportistas son mulleres”.
Tanto Nuria Rodríguez coma Marcos Puñal agradeceron a colaboración do Concello de Carballo, tanto nas competicións coma no día a día do club. Os representantes municipais, pola súa banda, puxeron en valor o gran labor que está a desenvolver o Sysca para a promoción do deporte desde a infancia. “Sysca merece todos os parabéns polo traballo que está a facer, polo exemplo que significa, polos logros deportivos e, sobre todo, polo número de practicantes, que cada vez vai aumentando”, subliñou o alcalde. Daniel Pérez agradeceu á Fessga que volva elixir Carballo para unha competición de ámbito autonómico, “que lle dá visibilidade ao salvamento e socorrismo e fai posible que xente de fóra veña ao noso concello, que tamén é importante”.