SAN XOÁN 2017
A comisión de festas incrementa a contía dos premios do Concurso de Cachelas e do Descenso do Anllóns
O prazo para participar nos certames do San Xoán remata o 20 de xuño
Luns 5 de xuño do 2017
Os certames do San Xoán serán este ano moi especiais. Por unha banda, tanto o Concurso de Cachelas como o Descenso do Anllóns celebran edicións simbólicas. O primeiro cumpre 30 anos e o segundo, 20. Case nada! Pero é que ademais, dado o incremento da participación que se rexistrou o ano pasado, a comisión de festas quere seguir apostando por dúas das actividades máis representativas das nosas festas. Con esa intención, para potenciar o aumento da cantidade e da calidade, este ano increméntanse as contías de premios e subvencións.
Descenso do Anllóns
![](../media/img/DESCENSO_ANLLONS_2.jpg)
No Descenso do Anllóns repartiranse un total de 2.375 euros. Polo simple feito de participar, para as primeiras 25 embarcacións inscritas haberá subvencións de 40 euros (10 máis que o ano pasado). Pero esa cantidade pode incrementarse substancialmente, xa que haberá tres premios á embarcación máis orixinal de 300, 200 e 125 euros (este último tamén aumenta); dous premios de 200 e 100 euros para as tripulacións máis simpáticas; un premio de 100 euros, patrocinado por Alquileres Reneymar, ás probas de habilidade; outro, tamén de 100 euros e patrocinado por Casa Francisco, para a embarcación máis veloz, e a todo isto únenselle outros 250 euros que reserva o xurado para posibles accésits.
Pero aínda que os premios poden ser un aliciente, no Descenso do Anllóns o que prima é a diversión. Os/as participantes percorrerán o tramo do río comprendido entre a Ponte de Bértoa e o Parque do Anllóns, ao longo do cal haberá varias metas voantes e deberán efectuar probas de habilidade. O concurso celébrase, como todos os anos, o 25 de xuño as 18 horas. O prazo de inscrición está aberto ata as 13 horas do día 20 no Museo de Bergantiños (981 702 077). Coa solicitude de participación os equipos deberán entregar a declaración, debidamente cuberta, que podedes descargar nos documentos adxuntos, onde tamén atoparedes as bases completas do certame.
Concurso de Cachelas
O primeiro premio do Concurso de Cachelas está dotado con 600 euros, e todos os demais increméntanse con respecto ao ano pasado
O prazo do dia 20 rexe tamén para o Concurso de Cachelas, todo un clásico que leva tres décadas enchendo de animación todos os recunchos do casco urbano. Neste caso tamén se prevén subvencións de 20 a 50 euros para as vinte primeiras cachelas inscritas que non resulten premiadas e que reúnan un mínimo de calidade. Pero paga a pena esforzarse, porque o primeiro premio está dotado con 600 euros! Todos os seguintes aumentan de contía. Así, o segundo pasa de 250 a 300 euros; o terceiro, de 175 a 200, e o cuarto, de 125 a 150 euros. Ademais, o xurado poderá outorgar accésits por un total de 200 euros (50 máis que o ano pasado).
Nos documentos adxuntos, ademais das bases completas, atoparedes as recomendacións de seguridade para a prevención de riscos elaboradas polo Parque Comarcal de Bombeiros, o Servizo Municipal de Protección Civil e a comisión de festas.
Concurso en Instagram
![](../media/img/FOTO_GANADORA_CONCURSO_RECORTADA.jpg)
Ao igual que o ano pasado, a comisión de festas tamén convoca un concurso a través de Instagram co obxecto de elixir unha imaxe para a revista do ano que vén. Poderán participar todas as persoas que o desexen, que deberán enviar as súas fotografías relacionadas co San Xoán de Carballo ao enderezo electrónico sanxoancarballo@gmail.com, especificando datos de contacto do autor ou autora. Todas as fotografías serán publicadas no perfil de Instagram do San Xoán, e a que obteña máis votos será publicada na revista do ano seguinte.
A imaxe que acompaña esta información corresponde á fotografía gañadora o ano pasado, cuxo autor é José Juan Pérez Ramos.