Inicio euqueroRB Novas 25 xogos diferentes, música,...

20 DE AGOSTO, EN RAZO

25 xogos diferentes, música, cociñas solares, circo e moito máis na primeira edición da Festa da Praia

Domingo 14 de agosto do 2022

Ademais de bater récords de participación na práctica totalidade das actividades, o programa eu quero Razo-Baldaio conta este ano con novas entidades colaboradoras e con novas propostas. Unha delas é a Festa da Praia, unha actividade para desfrutar do noso litoral en familia que incluirá un espazo lúdico con 25 xogos diferentes, música, cociñas solares, circo e moito máis!

A Festa da Praia celebrarase o sábado 20en Razo. Está aberta a todas as familias, sen necesidade de inscrición, e está especialmente pensada para dinamizar o tempo de ocio dos máis pequenos e pequenas da casa con actividades coma estas:

  • Obradoiro chef solar: espazo de exposición-demostración de distintos produtos feitos en cociñas solares. Con 10 modelos diferentes, entre fornos solares, cociñas parabólicas, funil-panel e os últimos modelos de Go-Sun, mostraremos os principios básicos da cociña solar e o seu manexo, ademais de realizar unha exposición sobre a cocción solar e de abrir as portas á reflexión sobre a crise climática, enerxética e social. 
  • Ubuntu xogos: espazo lúdico familiar e interxeracional, con 25 xogos de todo tipo.
  • Circus magníficus: escola de pre-circo, con zona de equilibrios, malabares, diábolo, pratos chinos...

E todo iso con carpas (por se o tempo non acompaña), animación musical e moitas sorpresas. Non podes faltar! Agardámoste a partir das 11.00 horas en Razo.

Compartir: