Aberto ata o 15 de febreiro o prazo de inscrición no concurso de disfraces, comparsas e carrozas do domingo de Entroido
O Entroido volve a Carballo con toda a forza e máis ganas ca nunca de desfrutar dunha das manifestacións máis representativas do noso patrimonio inmaterial. Despois de dous anos de ausencia por mor da situación sanitaria, o 19 de febreiro celebraremos o tradicional desfile e concurso de disfraces, comparsas e carrozas, que encherá de animación a Praza do Concello e as rúas do centro urbano a partires das 18.00 horas.
O concurso de disfraces de Carballo repartirá máis de 8.000 euros entre premios e gratificacións. As comparsas e carrozas poderán anotarse dende o 8 ata o 15 de febreiro. As inscricións poderán realizarse a través do rexistro xeral ou dos rexistros auxiliares do Concello de Carballo así coma na sede electrónica (https://sede.carballo.gal/sxc/gl/?idioma=gl).
No caso de grupos, parellas e participantes individuais, o prazo alóngase ata o día 19, e as inscricións tamén poderán facerse o mesmo día do concurso, entre as 16.00 e as 17.00 horas, na Praza do Concello.