Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 160 menores de 4 a 11 anos...

OS DÍAS 17 E 18 DE MAIO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS

Preto de 160 menores de 4 a 11 anos participarán no II Torneo Escola Lubiáns de Hóckey a Patíns

Xoves 8 de maio do 2008

"A nosa ambición lévanos a querer converternos novamente nunha das referencias do hóckey galego, para o que consideramos imprescindible o traballo coa base", asegurou hoxe -día 8 de maio- o presidente do Club Escola Lubiáns, Fernando Fidalgo, durante a presentación do torneo ante os medios de comunicación, que tivo lugar no Concello. Tamén participaron na mesma o Alcalde, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo e o Xerente do Padroado Municipal de Deportes de Carballo, Francisco García.

O sábado, día 17 de maio, os afeccionados ao hóckey a patíns de Carballo poderán desfrutar dunha xornada continua de partidos que se prolongará desde ás 10.00 ata as 22.00 horas. Durante este día de intensa programación deportiva no pavillón Bergantiños, competirán as categorías prebenxamín, benxamín e xuvenil. Tamén haberá dous partidos de exhibición a cargo das escolas Grupo Bola e Grupo Stick. As persoas interesadas en coñecer os partidos e horarios poden consultar aquí o programa da competición.

Para a mañán do domingo (18 de maio), o programa da competición ofrecerá as finais en categoría xuvenil e senior (neste caso será un partido único sen a desputa de semifinais previas) e a entrega de trofeos. No torneo participarán un total de 10 equipos, aínda que en moitos casos competirán en diferentes categorías. Son os seguintes: H.C. Lice, Vigo Stick, H.C. Patín Coruña, H.C. Borbolla, Colexio Obradoiro, Colexio Santo Domingo, Compañía de María, H.C. Cambre, Santa María do Mar e o club anfitrión, Escola Lubiáns.

Compartir: