Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Praza dos Libros ofrece catro intensos...

DO XOVES 25 AO DOMINGO 28 DE AGOSTO

A Praza dos Libros ofrece catro intensos días de feira e animación para todos os públicos no Xardín de Carballo

Xoves 18 de agosto do 2011

O programa principia o xoves 25 ás 19.30 horas. A escritora e ex presidenta da asociación ecoloxista Adega, Adela Figueroa, presentará o seu libro de contos "Madeira de mulher", e farao acompañada da ilustradora da obra, Celsa Sánchez, do membro de Adega Paco Graña e ao ritmo do acordeón diatónico de O'Mighelo. O mesmo día, ás 20.30 horas presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, presentará "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos", e estará acompañado do concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, Xosé Regueira, da lingüista Luz Cures e do editor Manuel Bragado. O venres 26 ás 19.30 horas, Xosé Neira Vilas presentará o seu último libro, "Penúltimo Dietario", acompañado da profesora e concelleira Silvana Castro, e do editor Manuel Bragado. A continuación, ás 20.15 horas, o propio Neira Vilas asinará exemplares das súas obras, como "Memorias dun neno labrego" (que cumpre 50 anos), "Cartas a Lelo", "Querido Tomás", "Aqueles anos do Monchos", etc. Para rematar o día, ás 20.30 horas, haberá unha conversa con Ignacio Silva, mozo carballés autor do libro "Cara B" e Rosalía Fernández Rial, moza carballesa autora do poemario "Átonos".

O sábado 27 ás 12.30 horas, o historiador Xan Fraga presentará o seu libro "Luis Suárez. Fútbol de seda", e farao acompañado do concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, e do ex xogador internacional do Deportivo da Coruña Manolete. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, o escritor Francisco Castro presentará a súa última novela, "In vino veritas", acompañado da tamén escritora María Canosa. E o último día, o domingo 28, ás 12.30 horas, o profesor Jorge Mira presentará "A ciencia no punto de Mira", acompañado polo xornalista Santi Garrido e polo profesor José María de la Viña. Xa pola tarde, ás 19.30 horas, o debuxante e autor dos Bolechas, Pepe Carreiro, presentaralles aos máis pequenos a súa nova serie de libros infantís, "A familia Caravana". A continuación, o escritor de Arteixo afincado na Laracha, Miguel Sande, asinará exemplares da súa última novela, "A vida fóra". E, para rematar, por primeira vez na Praza dos Libros tamén se presentará un disco, que é "Admirando a condición", do grupo Ses, liderado pola cantante de orixe carballés María Xosé Silvar, que fará un concerto en acústico acompañada da guitarra de Tito Calviño. O potente grupo Ses xa deu un exitoso concerto no Pazo da Cultura de Carballo en xullo de 2010.

Animación para cativos e cativas

Así mesmo, todos os días na Praza dos Libros haberá moita, moita animación para os/as máis peques. Xa o xoves 25 pola mañá estará a Ciclobiblioteca, con contacontos espontáneos, e ás 18.30 horas haberá un contacontos de Anxo Moure, "Caramulo, o xinete das árbores". O venres 26 pola mañá tamén haberá contacontos, "Conto contigo", a cargo de Expresión, e ás 18.30 horas terá lugar o espectáculo infantil "Contos para escagharriñarse", coa magnífica posta en escena dos Gazafelhos. O sábado 27, ás 19.30 horas, haberá monicreques, "Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón", por parte de Títeres Viravolta. E, o domingo 28, pola mañá tamén haberá contos espontáneos na Ciclobiblioteca, e pola tarde, ás 18.30 horas, os "Contos no tendal", de Raquel Queizás. Por último, hai que se alimentar coa palabra, mais tamén con patacas, queixos, froita... Ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 25 e o domingo 28 pola mañá a Praza dos Libros convivirá coa Feira Tradicional de Carballo, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada.

Os interesados e interesadas en consultar o programa de actividades ao completo, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: