Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Praza dos Libros mantén altos niveis de...

OS INGRESOS POR VENDAS CHEGARON AOS 17.000 EUROS

A Praza dos Libros mantén altos niveis de participación, con 1.500 persoas, e aumenta as vendas en galego

Martes 30 de agosto do 2011

Na Praza dos Libros vendéronse uns 1.500 libros, o 60 por cento en galego e o 40 por cento en castelán, sendo a primeira vez que na Praza dos Libros de Carballo se venden máis títulos en galego que en castelán. Os máis vendidos na lingua propia de Galicia foron "Memorias dun neno labrego", de Xosé Neira Vilas, e a serie infantil "A familia Caravana", de Pepe Carreiro, con arredor de 100 exemplares cada un. Os libros máis vendidos en castelán foron "La ciencia en el punto de Mira" (uns 60 exemplares), a tradución do orixinal en galego (xa esgotado nas librarías) de Jorge Mira, e "En el país Nube Blanca", de Sarah Lark (uns 20 exemplares). Tamén tiveron moi boas vendas todos os libros que foron presentados na feira, como "Madeira de mulher", de Adela Figueroa; "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos", de Carlos Callón; "Penúltimo dietario", de Xosé Neira Vilas; "Cara B", de Ignacio Silva; "Luis Suárez. Fútbol de seda", de Xan Fraga; "In vino veritas", de Francisco Castro; ou "A vida fóra", de Miguel Sande.

Foron grandes as colas que houbo para poder levar asinados libros de Xosé Neira Vilas, de Jorge Mira ou de Pepe Carreiro, e tamén o disco "Admirando a condición", de Ses, do que cómpre destacar o éxito en vendas durante o concerto acústico de presentación que tivo lugar o domingo a última hora, e no que se venderon unhas 50 copias. Tamén foi alta a participación en todas as actividades infantís. Os momentos de maior asistencia foron o xoves pola mañá, o venres pola tarde e, sobre todo, o domingo durante todo o día, no que a Praza dos Libros coincidiu coa feira e cando se desenvolveu con moito éxito unha vez máis a iniciativa "Un libro, un pan", coa que cada persoa que comprou un libro foi agasallada cun dos 400 pans de Carballo que se repartiron. Estas cifras son consideradas positivas tanto polo Concello como polas librarías participantes e consolidan a boa acollida da Praza dos Libros como unha referencia anual para a difusión do libro e da lectura, dándolle especial protagonismo á creación galega.

Compartir: