Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación debate a modificación...

RENUNCIA DE XOSÉ REGUEIRA Á DEDICACIÓN EXCLUSIVA

A corporación debate a modificación da ordenanza reguladora das taxas pola prestación de servizos no mercado municipal

Venres 2 de setembro do 2011

No que respecta ao mercado municipal, a sesión tamén recolle a desafectación parcial de dous locais do edificio. Trataríase da cafetería situada no primeiro andar, na esquina entre o Xardín e a Gran Vía, e de todo o segundo andar do mercado, que aínda permanece baleiro. Así, nestes momentos están considerados locais de dominio público, pero pasarán a ser patrimonio público. O motivo é permitir que poidan ser obxecto dunha concesión para a súa explotación. Outro dos puntos da orde do día é a dación de conta da renuncia á dedicación exclusiva formulada por Xosé Regueira Varela, que continúa no cargo pero sen retribución económica. Hai que lembrar que, na sesión plenaria organizativa celebrada en xullo, acordáronse as retribucións da corporación en réxime de dedicacións exclusivas. Así, aprobouse que o Alcalde e a Tenente de Alcalde e Concelleira de Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, percibirían un salario bruto anual de 38.952,76 euros cada un; mentres que o Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Rural, Luís Lamas; o Concelleiro de Xestión Municipal, Xosé Regueira; e o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Promoción e Emprego, Marcos Trigo, percibirían cada un, un salario bruto anual de 35.500 euros. Esto suporía cinco dedicacións exclusivas por un total ao ano de 184.405,52 euros. Agora, coa renuncia de Regueira á súa retribución suprimiríase un dos salarios, co que o gasto anual pasaría a ser de 148.905,52, o que supón finalmente unha redución dun 40 por cento no gasto respecto a hai 4 anos.

Así mesmo, con motivo da celebración da sesión, quedou formalmente constituída a Comisión Informativa de Urbanismo e Medio Rural (CIUMR), baixo a presidencia da Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, que, á súa vez, será a representante do Concello na asemblea xeral da Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade, quedando como suplente o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Formación e Emprego, Marcos Trigo. A xuntanza serviu tamén para marcar unha folla de ruta para axilizar os traballos de cara á aprobación inicial do PXOM, en proceso de revisión. A próxima xuntanza da comisión será na primeira quincena de setembro. Por último, no apartado de mocións, debaterase unha do PP na que solicita a ampliación do horario das instalacións deportivas municipais. Segundo o informe dos técnicos do Padroado Deportivo Municipal, esta medida non sería posible debido a que, aínda que a apertura ao público das piscinas está prevista para as 7.30 horas, os labores de mantemento comezan ás 6.00, polo que non habería tempo para ampliar o horario. Porén, si se recolle a posibilidade de ampliar o horario da sala fitness en media hora. A corporación abordará, así mesmo, outras dúas mocións do PP, unha relativa á reposición dos aparcadoiros na rúa Fábrica e outra respecto do mantemento das oficinas de Novacaixagalicia en Carballo.

Os interesados e interesadas poden descargar a orde do día do pleno en pdf nesta mesma nova.

Compartir: