Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno para a modificación da...

A SALA DE FITNESS DA PISCINA ABRIRÁ MEDIA HORA ANTES

Luz verde no pleno para a modificación da ordenanza reguladora das taxas pola prestación de servizos no mercado municipal

Martes 6 de setembro do 2011

A sesión tamén serviu para a dación de conta da renuncia á dedicación exclusiva formulada por Xosé Regueira Varela, que continúa no cargo pero sen retribución económica por parte do Concello. Coa renuncia de Regueira, suprímese un dos salarios do goberno, co que ao final haberá catro dedicacións exclusivas e o gasto anual será de 148.905,52 euros, o que supón unha redución dun 40 por cento no gasto respecto a hai 4 anos. Aprobouse, así mesmo, a designación de vogal e suplente como representantes do Concello na Asemblea da Rede Galega pola Sostibilidade, que serán, respectivamente, a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, e o Concelleiro de Deporte, Medio Ambiente, Formación e Emprego, Marcos Trigo. No apartado de mocións, a corporación sacou adiante un acordo polo que a sala fitness situada na piscina Carballo Calero da capital municipal adiantará o seu horario media hora, pasando a abrir ás 7.30 horas en lugar de ás 8.00 horas. Porén, os servizos do monitor estarán dispoñibles como até o de agora, a partires das 8.00 horas.

Por unanimidade tamén saíu adiante un acordo para crear unha comisión para valorar a implantación do carril bici na contorna da rúa Fábrica da capital municipal. Estará formada por representantes de todos os grupos políticos, por técnicos municipais, por membros da Policía Local e por representantes dos veciños e entidades afectadas. A comisión estudará aspectos como a necesidade de variar a sinalización existente na zona, entre outras modificacións. Por último, tamén recibiu o visto bo unánime unha moción presentada polo PP a favor do mantemento das oficinas de Novacaixagalicia na capital municipal carballesa.

Compartir: