Inicio Carballo ao día Hemeroteca O XX Festival Internacional Outono de Teatro...

A PROGRAMACIÓN DE SALA SERÁ ENTRE O 14 E O 31 DE OUTUBRO

O XX Festival Internacional Outono de Teatro contará co espectáculo "O florido pénsil" da produtora galega Eme2

Mércores 7 de setembro do 2011

O espectáculo conta no seu reparto con actores galegos recoñecidos e dunha importante traxectoria tanto no mundo do teatro, cine e televisión como son Xosé Manuel Olveira "Pico", Antonio Durán "Morris", Alfonso Agra, Josito Porto e Federico Pérez. "O florido pénsil" foi estreada no ano 1996 e realizou nos últimos anos máis de 3000 funcións nas tres versións que se fixeron: español, catalán e euskera. Agora chega a versión en galego, onde o público poderá revivir, coñecer ou lembrar a historia da escola nacional-católica franquista, a través dun grupo de rapaces sometidos á ilóxica brutalidade dos sistema educativo da España da posguerra. Os protagonistas desta historia, que é a de moitos en España, descubrirannos diferentes aspectos da sociedade da posguerra, primeiro na escola e máis tarde no cinema do barrio, na igrexa, na radio e na prensa, representada polo aparentemente inofensivo "Tebeo". A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) produce o espectáculo, que conta co apoio do Centro Dramático Galego. A organización do FIOT segue a traballar na configuración da XX edición do festival na que espera ofrecer máis noticias ao longo do mes de setembro.

Compartir: