Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión de Urbanismo acorda axilizar os...

O NOVO PLAN REDUCE A CAPACIDADE RESIDENCIAL DO MUNICIPIO

A Comisión de Urbanismo acorda axilizar os trámites para acadar o antes posible a aprobación inicial do PXOM

Venres 16 de setembro do 2011

Así mesmo, os núcleos rurais ven reducidas as posibilidades de aumentar o seu tamaño, xa que, pola nova Lei do Solo, ten que haber unha consolidación mínima dun 30 por cento para incrementar a edificabilidade. Hai que lembrar que Carballo está inmerso nun proceso para revisar o Plan Xeral de Ordenación Municipal existente, aprobado en 2003 e que foi anulado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no ano 2007 que está agora recorrida. Esta revisión supón a elaboración dun documento completamente novo no que agora están traballando técnicos municipais e corporación. A Concelleira de Urbanismo e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, subliña que, precisamente por esta circunstancia, a revisión do PXOM é un asunto prioritario que debe abordarse con urxencia. Respecto dos trámites que restan para a aprobación do novo planeamento carballés, unha vez estea elaborada e ratificada a versión definitiva do documento, o primeiro paso é enviala á Xunta. Despois do exame da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, o documento volve á Oficina Técnica de Carballo, onde, logo dun novo exame por parte do equipo redactor, o PXOM chega ao pleno para a súa aprobación inicial.

Será despois da ratificación no pleno cando todos os veciños e veciñas terán acceso ao documento definitivo para examinalo e proceder á formulación de alegacións -se así o consideran- durante un período de exposición pública de dous meses. A Concelleira de Urbanismo subliña a importancia deste paso, para que o PXOM sexa un documento "participativo" no que os veciños e veciñas contribúan ao seu enriquecemento. Logo da resolución de alegacións o pleno procede a debater a aprobación definitiva do PXOM, e o Concello o remite de novo á Xunta para a súa ratificación final. Trátase dun proceso longo que o Goberno local espera axilizar na medida do posible, pero sempre ofrecendo as garantías legais e normativas oportunas. Polo momento, e mentres se rematan os últimos informes antes de enviar o documento á Xunta, o PXOM está a disposición de todos os grupos políticos da corporación na oficina técnica para que poidan consultar polo miúdo os últimos cambios introducidos.

Compartir: