Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Unidade de Salvamento Acuático rexistrou...

SOCORRISTAS E PROTECCIÓN CIVIL ATENDERON 428 CASOS DE BOTIQUÍN

A Unidade de Salvamento Acuático rexistrou seis rescates durante a tempada de verán nas praias de Razo e As Saíñas

Xoves 22 de setembro do 2011

Analizando as incidencias polo miúdo, a memoria de Protección Civil tamén indica que, dende o ano 2000, os salvamentos teñen descendido nun 26 por cento, pasándose dos 23 rescates no 2000 aos 6 de 2011. Respecto ao balance de actuacións mes por mes, en xuño rexistrouse o salvamento dun neno de 12 anos que estaba bañándose en zona prohibida. En xullo, a principios de mes, houbo que sacar a un veciño de Carballo (47 anos) na zona da Explanada de Razo e houbo un salvamento dunha veciña de Arteixo (44 anos) nas Saíñas. O 18 de agosto houbo que rescatar en Razo a dous rapaces de Carballo de 7 e 8 anos, mentres que o luns 29 trasladouse a un veciño ambulancia por un posible golpe de calor. Ademais, na zona das pontes da ría de Baldaio rexistráronse dous salvamentos; un dunha veciña de Carballo de 17 anos e outro dun rapaz de 12 anos, tamén de Carballo. En setembro non houbo ningún rescate nin tampouco se rexistrou ningún salvamento en todo o verán en Pedra do Sal. No que respecta ás intervencións de botiquín, hai que lembrar que as praias carballesas contan con cinco, tres en Razo, un nas Saíñas e un en Pedra do Sal, que están abertos a diario de 11.00 a 20.00 horas. O areal de Razo é o que rexistra máis asistencias, con 318 fronte ás 110 das Saíñas e Pedra do Sal.

Mellora da accesibilidade nas Saíñas

Por último, tanto o Alcalde como o responsable de Protección Civil quixeron subliñar o esforzo realizado polo Concello en tempos difíciles para manter todos os servizos nos areais carballeses, especialmente nas circustancias económicas actuais. Francisco Javier Souto Facal tamén quixo resaltar a excelente calidade das augas de Razo, e tamén a idoneidade dos seus servizos, a pesares de, por circunstancias puntuais, non contar este ano coa Bandeira Azul. Precisamente neste traballo constante por manter os servizos nos areais, o Alcalde anunciou que o Concello remitirá a Costas un proxecto que supón un investimento de 9.000 euros que permitiría mellorar a accesibilidade na praia das Saíñas. A actuación consistiría en facilitar o acceso dende o aparcadoiro das Saíñas ata a caseta dos socorristas cunha capa de zahorra, e tamén dende a caseta ata a praia, creando dúas pistas de 70 e 30 metros de lonxitude, respectivamente. Así mesmo, Protección Civil quere lembrar os elevados investimentos que se teñen realizado este ano para manter en condicións óptimas as praias, co arranxo de todos os desperfectos provocados por un dos peores temporais dos últimos anos, o Becky; e coa reposición de 20.000 euros en material roubado nas casetas de Protección Civil. O obxectivo, segundo o Alcalde, é intentar manter "uns areais que invitan a perderse" e que contan con todos os servizos, promovendo ademais actividades como as escolas de surf ou de volei, que fagan aínda máis atractivas as praias do municipio.

Compartir: