Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno saca adiante unha moción para a...

LUZ VERDE PARA A DESAFECTACIÓN DA ESCOLA DA PRAZA DE SOFÁN

O pleno saca adiante unha moción para a construción e explotación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello

Martes 27 de setembro do 2011

Outra das mocións presentadas polo PP solicita que o Goberno traslade "ao pleno da corporación con caracter trimestral a relación de obras e servizos contratados ou en execución durante ese período, expresando as datas, os importes, os emprazamentos, as empresas contratadas, a delegación responsable do gasto e o custo previsto". Esta proposta recibiu o apoio unánime dos grupos da corporación, especialmente en aras da transparencia na xestión municipal. Fóra do apartado de mocións, o resto dos puntos da orde do día foron refrendados polo pleno. Así, procederase á desafectación da escola do lugar da Praza, en Sofán, un centro que deixou de prestar servizos educativos hai catro cursos. Así mesmo, aprobouse a depuración física e xurídica de parcelas de titularidade municipal situadas no polígono industrial de Bértoa. Coa aprobación deste punto, daríaselle o visto e prace a unha redifinición do parcelario do parque empresarial para actualizar á realidade o Inventario Municipal de Bens.

No apartado económico, recibiu luz verde unha modificación do orzamento da corporación para 2011 coa inclusión dunha transferencia de crédito. Deste xeito, supleméntase con 100.000 euros a partida destinada á reparación de estruturas e retírase esta achega da partida destinada a desenvolvemento urbanístico. O motivo é que non será preciso realizar o investimento destinado a urbanizacións durante 2011. Por último, a sesión supuxo a designación dos compoñentes da xunta electoral para a constitución do Consello Escolar Municipal de Carballo.

Compartir: