Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT celebra os seus 20 anos de idilio co...

O FESTIVAL PRESENTA UNHA ESTREA EN ESPAÑA E TRES EN GALICIA

O FIOT celebra os seus 20 anos de idilio co público con 28 espectáculos e co paso do tempo como leitmotiv

Venres 30 de setembro do 2011

A programación de sala transcorre entre o 14 e o 31 de outubro. Comeza cos madrileños Óbolo Producciones e o seu "Torvaldo furioso" e tamén remata cunha produción de Madrid: "La violación de Lucrecia" protagonizada por Espert. Precisamente comentando a presenza desta gran dama do teatro no FIOT, Sueiro lembraba os comezos do festival: "Se hai 20 anos nos din que ía actuar en Carballo morreríamos coa risa". Polo camiño, unha nova versión do exitoso "O florido pénsil", xa un clásico do teatro español, a cargo de Eme2; os muxidos de Yllana; os monicreques portugueses do Teatro de Marionetas do Porto e a súa versión de "Alicia no país das marabillas"; a segunda parte da exitosa "Un cranio furado", baixo o título de "Oeste solitario"; a actuación circense de "Plecs", nunha obra na que todo o atrezzo está feito de papel; e o regreso de Ron Lalá ao FIOT con "Time al tiempo". Variedade temática e de compañías, aínda que mantendo un fío argumental como unha homenaxe a este vinte cumpreanos: o paso do tempo.

No OTNI, os galegos Lusco e Fusco presentan "Encontros"; e os tamén galegos Compañía Desastronauts, "Losin grip". Pechan o OTNI os cataláns Macarena Recuerda Sheperd con "That's the story of my life". Este ano gran parte do OTNI céntrase nun movemento emerxente, vinculado á rúa e á improvisación, que está reclamando o seu lugar nos escenarios e en novos espazos: o Novo Circo. A animación teatral de rúa -con tres propostas- converte o centro carballés en escenarios improvisados e en espazos tomados por actores cheos de historias diversas. Espectáculos divertidos, enxeñosos, ás veces "provocativos" pero sempre buscando a participación de todos/as. E o concurso escolar de teatro lido Xosé Manuel Eirís cumpre xa 11 anos. Esta actividade creouse para dar protagonismo aos espectadores máis pequenos, coa intención de promover o teatro e favorecer a súa iniciación e interpretación dramática.

Rúa dos Contos: do 6 ao 11 de outubro

No XX aniversario do FIOT, a Rúa dos contos quere tamén participar desta celebración coa presenza dalgúns dos mellores contadores de historias. Trátase de "teatro de taberna", segundo Alberto Sueiro, un "sinal de identidade" do FIOT que non existe neste formato en toda Galicia. Este festival dentro do festival nútrese de xéneros como o Clown, a música, o cabaré ou o teatro xestual, pero, sobre todo, e ante todo, componse de moita diversión. Os pubs, tascas e cafeterías que colaboran coa iniciativa son: Mesón A Cabaña, Pub O Silfo, Cafetería Valle Inclán, Cafetería Colón, Pub A Reserva, Pub O Patacón, Pub Cósmic, Restaurante La de Bur, Bodegón O Pescador, Cervexería A Bombonera, Cervexería Dublín e Cafetería Baños Vellos. E todo este amplo programa do FIOT 2011 complétase con actividades paralelas, como "Café con..." na que o público ten a oportunidade de falar cos creadores dos espectáculos; o programa de voluntariado, que comezou o ano pasado e que cada vez se implica máis; o Premio do Público, que este ano recolle Yllana como débeda de anteriores edicións e que o ano pasado gañou Talía Teatro; ou a entrega do Xograr de Outono.

A organización do Festival non quere esquecer que esta cita "que é unha referencia en Galicia", segundo Sueiro, non só por estar entre os tres máis antigos, senón tamén pola súa calidade artística, é posible grazas á colaboración dos patrocinadores. Este ano son: a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura; a Deputación da Coruña; a Secretaría do Estado de Igualdade; o Intituto Camões de Portugal; Reale Seguros; Sogama; Iberdrola Renovables; e dous institucións que teñen apoiado o festival desde os comezos: Novacaixagalicia e o Centro Comercial Bergantiños Haley. A inauguración contou coa representación dalgúns dos patrocinadores e organizadores: María Faraldo Botana, Vicepresidenta da Deputación de A Coruña; Manuel Varela Rey, Delegado Territorial de Cultura da Xunta de Galicia; Guillermo Mato, en representación de Novacaixagalicia; Luis Lamas, Presidente de Sogama; e Esteban Rostro, responsable do CCB-Haley de Carballo. Os interesados e interesadas en coñecer o programa ao completo do FIOT 2011, así como o programa da Rúa dos Contos, poden consultalo en dous documentos en pdf nesta mesma nova.

Respecto da venda e reserva de entradas, bonos e mini bonos, o despacho de billetes para os bonos está aberto dende o 5 de outubro, mentres que abrirá o 10 de outubro para as entradas soltas e os minibonos. Proximamente a web ofrecerá a información necesaria. Mentres tanto, pode obterse máis información nas Oficinas de Cultura situadas no 1º andar do Pazo da Cultura ou no 981 704 300.

Compartir: